A empresa mineira continúa co acoso, neste caso individualizado, aos propietarios dos montes afectados polo proxecto. Reclaman dos alcaldes de Cabana e de Coristanco que deixen de ser cómplices da empresa mineira e que se poñan a traballar na defensa dos intereses dos veciños.
A Plataforma pola Defensa de Corcoesto e Bergantiños a solicitude dos veciños das parroquias afectadas polo proxecto mineiro, manterá o vindeiro domingo no local social de Corcoesto ás 11:00 horas unha reunión na que informará sobre a situación na que se atopa a tramitación do proxecto mineiro, as próximas accións de protesta a desenvolver e tamén ofrecerá información sobre as alegacións que deben presentar os veciños en relación ao anuncio publicado no DOGA de oito deste mes, polo que se somete a información pública a admisión definitiva do permiso de investigación Julia 2.
Este permiso de investigación afecta de cheo a máis de 600 ha de terreos agrícolas e forestais de alta capacidade produtiva do Concello de Coristanco, o que causou gran indignación e preocupación nos veciños das parroquias afectadas ao comprobaren que as súa casas están situadas dentro do perímetros das concesións.
Acoso aos veciños propietarios dos montes
Por outra banda a Plataforma denuncia que a empresa mineira continúa coa súa política de acoso aos propietarios dos montes visitándoos un por un nos seus domicilios e ameazándoos coa expropiación a prezos ridículos.
Estás accións de acoso individualizado estanse a realizar co consentimento da Xunta de Galicia e dos alcaldes de Cabana e de Coristanco, que en lugar de defender os intereses dos veciños, actúan de cómplices da empresa mineira no roubo e na estafa que se está tratando de perpetrar en Corcoesto.
Desde a plataforma recórdanlle aos veciños que non deben vender as súas propiedades a prezos ridículos, xa que o Xurado de expropiación de Galicia, e mesmo os tribunais, están recoñecendo, no caso das canteiras, o valor extractivo dos terreos rústicos e rústicos de protección forestal, establecendo xustiprezos de ata 12 euros metro cadrado, fronte ao de 1,20 euros/m2 que ofrece a empresa mineira.
Foto: GoldInvest - Planos de futuro para Corcoesto: a sua destruiçom completa.