1 1 1 1 1 1 1 1 1 1 (2 Votos)

IMG 20120816 171630Galiza - Cultura Galega - Supoñen un tipo de bens patrimoniais dos máis comúns que existen no país. Fan parte dunha tradición que se remonta a, cando menos, hai 700 anos e que se mantén hoxe. Integran valores históricos, artísticos e etnográfico. E, no entanto, sobre a desprotección e o descoñecemento. O IV Congreso de Cruceiros Galegos que se celebrou recentemente en Lugo denuncia a precaria situación destes bens.


Nas parroquias galegas existen preto de 8.000 cruceiros, datados entre o século XIV e estes primeiros anos do século XXI. Un patrimonio único que, sen ser exclusivo fan de Galicia o país cun maior número destes elementos no mundo. "Sen ser unha produción orixinal galega, é aquí onde mellor se aclimatou e se desenvolveu", explica Fernando Arribas Arias, investigador e presidente da Asociación Galega de Amigos dos Cruceiros, entidade que coordinou o congreso .

Historia dun éxito

Encol das razóns polas que os cruceiros acadaron historicamente tanto éxito en Galicia, Arribas sinala que "representa en pedra unhas crenzas moi consubstanciais ao pobo. O seu significado está vencellado ao Concilio de Trento e ás Animas do Purgatorio, que é unha cuestión que está moi presente en Galicia". En concreto, a intención ao erguer moitos destes monumentos era conseguir indulxencias para os pecados dos promotores da obra ou dos seus familiares falecidos. A igrexa, ademais, sacaba beneficio económico de moitos destes monumentos. "Cando un cruceiro tiña unha inscrición na que se lles promete indulxencias a quen rece diante, o bispado cobraba. E entón a Igrexa promovía que se montasen", lembra o presidente da Asociación.

Ata hoxe

Unha das peculiaridades dos cruceiros é a súa persistencia como elemento arquitectónico do noso rural. Chegan ao noso país no século XIV, sen que estea moi clara a súa orixe. "Hai moito debate sobre se chegaron a través do Camiño de Santiago ou se implantaron a raíz das predicacións de San Vicente Ferrer", apunta Arribas. Desde entón, a construción de cruceiros continuou vizosa ata os nosos días, onde aínda se crean e se instalan, aínda que si mudou un pouco a súa función e localización. "O costume segue vivo. A diferenza fundamental é que noutros tempos púñanse por devoción relixiosa en adros ou cruces de camiños, mentres que agora é máis común que se constrúan con carácter ornamental para os instalar nunha praza ou mesmo no xardín dun chalé". En todo o este tempo, malia ás evolucións estilísticas propias de cada época, no fundamental o cruceiro non mudou. "Hainos góticos, renacentistas, barrocos ou neoclásicos. E algún feito agora mesmo incorpora un Pelegrín, a mascota do Xacobeo. Pero estruturalmente continúan a ser iguais, cunha plataforma, fuste, capitel e cruz. Xa dicía Vicente Risco que os cruceiros eran todos diferentes aínda que todos se asemellan".

Roubos

Se ben a mudanza da consideración social do cruceiro, do carácter relixioso ao ornamental, permitiu en boa medida a súa supervivencia, tamén supón unha das grandes ameazas para estes bens. "Ao se ver como un elemento artístico, prodúcense moitos roubos. Son relativamente sinxelos de desmontar, e resulta máis valorado un cruceiro histórico do que un feito recentemente". A súa localización no medio rural, a miúdo en espazos relativamente illados, dificulta aínda máis a súa protección.

Ataques e descoñecemento

Para alén do seu valor artístico e histórico, os cruceiros incorporan un importante patrimonio inmaterial. Ritos de curación, aparicións, poderes máxicos e un bo feixe de crenzas, de lendas e de prácticas están vencellados a uns elementos que se consideraban sagrados. Por desgraza, esta consideración desapareceu en moitos casos, o que explica a outra grande lacra que ameaza estes bens, o vandalismo. "Días atrás derrubouse en Begonte un cruceiro do século XIX realizado polos Carboeiro, unha estirpe de canteiros de Vilalba. E este non é un caso illado. O derrubamento dun cruceiro aposta é un acto de ignorancia, mentres un roubo é un acto de alguén culto". Encol da percepción popular destes bens, o presidente da Asociación de Amigos de cruceiros lembra como, estando a examinar un no rural, achegóuselle un veciño ofertándollo en venda. "Eu díxenlle que estaba prohibido movelos do sitio, e pregunteille, ao ver que había unha inscrición na base, quen o fixera. El consultouno coa nai, e resultou que o mandara erguer a súa propia bisavoa, e ele non o sabía. Entón díxenlle se mo vendía, e xa dixo que non, que sabendo de quen era, que non o puña á venda. É revelador, se non se coñece o que temos non se valora".

Protección e situación

Se ben a Lei de Patrimonio de Galicia protexe todos os cruceiros e outros bens etnográficos que teñan máis de cen anos, ningún destes elementos conta coa declaración de Ben de Interese Cultural. "Esta declaración singulariza determinados monumentos, aínda que non se lles dea a todos, si que uns cantos a merecen". Desde a Asociación de Amigos dos Cruceiros remitíuselle á Xunta unha listaxe de 25 que consideran cumpren os requisitos para contar con este recoñecemento, a máis alta figura de protección patrimonial que existe no país. Na actualidade moitos destes bens adoecen dun estado de conservación deficiente, e aínda que existe un inventario feito pola Xunta de Galicia e diferentes iniciativas que recontan os exemplares a nivel comarcal ou local, a Asociación considera que está por facer un catálogo exhaustivo que permita tomar consciencia da cantidade e importancia destes elementos.

Toma de consciencia

A problemática encol dos cruceiros non é nova, xa que durante moito tempo estes elementos non foron reivindicados como algo a preservar. "Foi Bernardo Barreiro quen en 1882 os reivindicou como elementos de valor artístico e etnográfico. Logo houbo traballos como os de Atanasio López e, por suposto Castelao, co seu As cruces de pedra na Galiza", lembra Arribas. E se ben xa en 1915 Atanasio López falaba dun caso no que houbo xente que se opuxo ao derrubamento dun cruceiro, tamén había casos como o de Emilia Pardo Bazán. "Detestábaos, e non parou ata que tiraron tres en Mondariz, que lle parecía feos", explica. No entanto, non foi ata os últimos anos que está a cristalizar a investigación e a defensa destas cruces como un elemento patrimonial destacado. A Asociación de Amigos dos Cruceiros constituíuse hai aínda dous anos, a raíz da celebración dos dous primeiros congresos de investigadores sobre estes bens, e ten aínda un inxente traballo por diante. "Aínda está pendente facer un inventario exhaustivo. Recollemos todos os da Terra Cha, pero o problema é que esixen un grande traballo de campo e hai pouca documentación. Cómpre localizalos, inventarialos e afondar, moitas veces nos arquivos parroquiais, pero a miúdo non aparecen mencionados porque se consideraba unha obra menor", explica o presidente da asociación. Con cada un destes encontros e a publicación das correspondentes conclusións vaise, aos poucos, incrementando a bibliografía sobre o tema. "A idea é que quen queira seguir traballando teña algo no que se basear", sinala.

Unha das principais conclusións que se tirou deste encontro foi iniciar os trámites para elevar ante a UNESCO a candidatura a Patrimonio da Humanidade para estes bens. Unha aposta ambiciosa que promete pór de actualidade a situación deste patrimonio.

Foto do Diário Liberdade - Cruzeiros na Praia das Três Cruzes, em Catoira.


Diário Liberdade é um projeto sem fins lucrativos, mas cuja atividade gera uns gastos fixos importantes em hosting, domínios, manutençom e programaçom. Com a tua ajuda, poderemos manter o projeto livre e fazê-lo crescer em conteúdos e funcionalidades.

Microdoaçom de 3 euro:

Doaçom de valor livre:

Última hora

Publicidade
Publicidade
first
  
last
 
 
start
stop

Quem somos | Info legal | Publicidade | Copyleft © 2010 Diário Liberdade.

Contacto: info [arroba] diarioliberdade.org | Telf: (+34) 717714759

Desenhado por Eledian Technology

Aviso

Bem-vind@ ao Diário Liberdade!

Para poder votar os comentários, é necessário ter registro próprio no Diário Liberdade ou logar-se.

Clique em uma das opções abaixo.