En Véspera de Nada coidamos que a construción dunha Galiza preparada para un futuro sen petróleo (máis achegado do que a sociedade pode crer) é un labor que debe implicar a todas as forzas políticas e que non se pode andar facendo e desfacendo en función das mudanzas no goberno. Por iso queremos pedir un exercizo de responsabilidade histórica ao PP, BNG, PSOE, AGE, CxG, UPyD e calquera outra forza política que presente candidatura a estas eleccións, para que fagan súas estas propostas. A unidade é fundamental cando se trata de salvar un país das brutais consecuencias do devalar enerxético, e sería indigno da nosa clase política se se convertese nun motivo máis para o rifi-rafe parlamentar e mediático. A sociedade precisa concienciarse como primeiro paso para despois actuar con decisión en dirección a unha boa resiliencia. E a diverxencia en torno a cuestións tan fundamentais como as que aborda a nosa proposta prexudicaría gravemente o necesario consenso social paraun esforzo de proporcións bélicas, para unha auténtica xesta nacional, unha revolución cara a sustentabilidade.
O documento que preparamos contén un amplo paquete de medidas para actuar con decisión en todos os ámbitos da vida social e económica do país para reducir as peores consecuencias que nos agardan polo declive da enerxía fósil. É froito do noso continuado labor de análise e de adaptación ao noso contexto galego das propostas dos expertos doutros países. Aínda así, dada a magnitude do fenómeno que debemos encarar e o feito de que nunca antes, non xa o noso país senón a nosa especie, se ten afrontado a unha situación semellante, é moi mellorable. Convidamos, pois, a todas as organizacións galegas e outros axentes sociais a que nos envíen as súas propostas de ampliación e mellora: entre todos iremos mellorando o plan para unha Galiza sen petróleo. Gustaríanos falar con todos os sectores económicos, sociais, culturais… para coñecer de primeira man como lles pode afectar o peakoil e como mellor se poden preparar. E despois será labor dos que nos gobernen, poñelo en marcha. E se fallan nesa responsabilidade histórica, teremos que ser os propios cidadáns os que nos autoorganicemos para sobrevivir a esta etapa final da nosa civilización.
Foto: Véspera de Nada


