1 1 1 1 1 1 1 1 1 1 (0 Votos)

100812 transitoGaliza - Um clarom no bosque - [Xosé Beiras] A crise económica e, sobre todo, a diminución da produción das térmicas de carbón das Pontes e de Meirama, recortaron un 26% as emisións galegas de gases causantes do cambio climático entre 2007 e 2010, segundo datos oficiais do Ministerio de Agricultura, Alimentación e Medio Ambiente que, para 2010m se tornan públicos por primeira vez neste blog.


Os datos de 2011 aínda son parciais, mais avanzan un repunte das emisións, inducido polo incremento en perto dun 50% da produción de electricidade a partir de carbón, o combustíbel máis intenso en emisións de dióxido de carbono (CO2), o principal gas de invernadoiro.

Por seren grandes "fábricas de cambio climático", as térmicas de carbón determinan en moi grande medida a evolución das emisións de gases de efecto invernadoiro no noso país. A forte caída nas emisións rexistrada a partir de 2007 foi paralela ao descenso da actividade das centrais de carbón, motivado pola entrada en funcionamento en 2008 das centrais de ciclo combinado a gas natural de Sabón (Arteixo) e das Pontes -veciña da central de carbón- así como polo crecemento das enerxías renovábeis, para as que 2010 foi un ano moi bo, pola abundancia de chuvia e de vento. Porén, en 2011, a seca e o parón eólico deixaron un grande oco para as centrais de carbón, mais rendíbeis para as eléctricas que as centrais de ciclo combinado, moi infrautilizadas a pesar de seren moito máis eficientes e menos contaminantes. O tan "temíbel" decreto estatal do carbón, contra o que tanto protestaron Xunta, oposición e sindicatos, non freou a actividade das térmicas de carbón.

Os datos oficiais sobre as emisións totais de gases de invernadoiro durante 2011 non estarán dispoñíbeis até mediados de 2013, mais xa coñecemos as emisións de CO2 das industrias galegas que participan no (fracasado) comercio europeo de emisións, que en 2010 representaron o 34% das emisións totais de Galiza. O ascenso na xeración eléctrica con carbón fixo que as emisións totais dos sectores industriais abranguidos polo comercio de CO2 (produción de electricidade, refinaría, coxeracións, cemento, papel,...) medrase máis de 2 millóns de toneladas en 2011 a respecto de 2010, o que á súa vez augura un repunte das emisións totais de gases de invernadoiro na nosa terra, malia a crise económica e contrariando a tendencia europea.

ENDESA, a maior emisora

A eléctrica ENDESA, propietaria das centrais de carbón e de ciclo combinado das Pontes, é, de lonxe, a maior emisora de gases causantes da mudanza climática desde Galiza. En 2010, esta multinacional española controlada pola italiana Enel foi responsábel ela soa de nada menos que un 18% das emisións do país, cifra que con seguridade foi superada durante o ano pasado, pois as súas emisións creceron entre 2010 e 2011 desde 4,73 a 6,81 millóns de toneladas.

A central de carbón que ENDESA explota nas Pontes é o maior foco emisor de CO2 de Galiza e, algúns anos, tamén o maior do Estado español. Foi así en 2011, ao ter emitido máis de seis millóns e medio de toneladas,... máis que todo o sector do transporte en Galiza!. Este continúa a ser o segundo sector de actividade con maiores emisións, a pesar de que tenden a diminuír desde o comezo da crise económica. En 2010, último ano para o que hai datos, as súas emisións superaron os seis millóns de toneladas.

Elevadas emisións por habitante

Galiza emitiu durante 2010 pouco máis de 26 millóns de toneladas de gases de invernadoiro. 9,3 toneladas por habitante. Unha cifra semellante ás emisións medias da UE que está moi por riba do ecoloxicamente sustentábel e do socialmente xusto. Aínda que as emisións galegas diminuíron un 6,7 % desde 1990 –ano de referencia do Protocolo de Quioto- seguen a ser moi altas, e terán que se reducir moito máis durante os proximos anos e décadas, se queremos contribuír, con xustiza climática, a prevenir unha catástrofe climática global. A longo prazo terán que baixar até 1,5-2,5 toneladas por persoa e ano (1).

O volume de emisións desde o noso territorio é un dos indicadores a termos en conta para avaliar o noso impacto climático. Aínda que non todas as emisións desde Galiza están asociadas ao noso consumo –por exemplo, unha parte da electricidade sucia das térmicas de carbón é exportada- temos tamén unha responsabilidade como sociedade sobre esas emisións –volvendo ao mesmo exemplo, é moi feble a mobilización social contra as térmicas de carbón e non son poucos, nin teñen pouco peso, os que as defenden-.

Porén, para termos unha visión máis axustada á realidade da nosa achega ao maior problema socioambiental global teríamos que coñecer tamén a nosa pegada climática, que polo de agora non foi calculada. A pegada climática dun país é a cantidade de gases de invernadoiro emitida para producir os bens e servizos consumidos pola poboación dese país, sen importar o lugar desde o que se emitan. Para calculala, ás emisións desde o territorio propio restánselles as asociadas ás exportacións e súmanselles as vencelladas ás importacións. Non coñecemos a nosa pegada climática mais con certeza ha ser alta. Nos países europeos a pegada climática adoita superar as emisións internas, máis canto máis pequeno é o país, como consecuencia da dependencia exterior de materiais (alimentos, combustíbeis, minerais). Unha estimación para o conxunto de España concluiu que a pegada climática era, en 2005, un 17% superior ás emisións dentro do territorio español. O consumo asociado á vivenda e aos bens do fogar era, con diferenza, a compoñente máis importante da pegada climática española, ao que contribuía o auxe na construción de vivendas e a súa elevada intensidade en pegada climática (2).

A transición cara a unha economía xusta e baixa en carbono é a única garantía dun futuro de benestar para toda a humanidade. Traería enormes beneficios mais non está exenta de custos e de sacrificios. Aínda que existe unha marxe importante para diminuír emisións mellorando a eficiencia enerxética e recorrendo a tecnoloxías limpas, non se atinxirán os obxectivos de redución necesarios a longo prazo sen pór en cuestión o sobreconsumo e a sobreprodución, aos que inevitabelmente van asociadas emisións de CO2 excesivas. Eis a razón primordial pola que os países e as clases sociais máis favorecidas non se comprometen con recortes drásticos das emisións, preferindo pechar os ollos á urxencia de responder á crise climática e defendendo o seu privilexio de emitir moito CO2 e, polo tanto, de se apropiar -en moita maior medida do que lles correspondería por poboación- dun dos principais servizos ambientais: a absorción de CO2 pola vexetación e os oceanos.

Sen política climática autonómica

As baixadas nas emisións de gases de invernadoiro en Galiza durante os últimos anos –até 2011- non son, desde logo, o resultado de decisións tomadas polo Goberno Feijóo (nin, dígase de paso, polo bipartito). A nosa achega á mudanza climática diminuiu a pesar da Xunta, que fixo máis para aumentar as emisións que para as reducir e incumpriu a promesa de aprobar un plan de loita contra o cambio climático. O apoio decidido ás térmicas de carbón, a trapallada eólica que paralizou o sector, a aceptación mansa da decisión do Goberno Rajoy de suprimir as primas a novas instalacións de enerxía renovábel, a construción de máis quilómetros de estradas de alta capacidade, ou a aposta por unha nova incineradora de residuos urbanos, son exemplos senlleiros de políticas anticlima.

@xoseveiras

Notas

(1) El cambio climático en España. Estado de situación. Documento resumo. Informe para o Presidente do Goberno elaborado por expertos en cambio climático. Novembro 2007.
(2) Evaluando el impacto climático del consumo: la huella de carbono. David Pon (Área de Sustentabilidade e Cambio Climático de Minuartia) e Jordi Pon (Universidade Politécnica de Cataluña). Ecosostenible nº 50 (abril 2009).


Diário Liberdade é um projeto sem fins lucrativos, mas cuja atividade gera uns gastos fixos importantes em hosting, domínios, manutençom e programaçom. Com a tua ajuda, poderemos manter o projeto livre e fazê-lo crescer em conteúdos e funcionalidades.

Microdoaçom de 3 euro:

Doaçom de valor livre:

Última hora

Publicidade
Publicidade
first
  
last
 
 
start
stop

Quem somos | Info legal | Publicidade | Copyleft © 2010 Diário Liberdade.

Contacto: info [arroba] diarioliberdade.org | Telf: (+34) 717714759

Desenhado por Eledian Technology

Aviso

Bem-vind@ ao Diário Liberdade!

Para poder votar os comentários, é necessário ter registro próprio no Diário Liberdade ou logar-se.

Clique em uma das opções abaixo.