Só dous son os pontos a priori positivos: a obrigatoriedade tanto da inscrición rexistral dos bens de dominio público marítimo-terrestre (DPM-T) como da publicación na web do MAGRAMA das liñas de delimitación (cousa que se comezara a fazer), e o outorgamento de concesión aos Bens de Interese Cultural que ocupan o DPM-T.
Outras novidades non necesariamente negativas son a posibilidade de permitir tanto na servidume de protección como no DPM-T (neste último caso só excepcionalmente) a publicidade integrante das instalacións ou actividades permitidas, ou que o canon de ocupación das concesións outorgadas a entidades náutico-deportivas para o desenvolvemento de actividades non lucrativas se reduza nun 75%.
No entanto, voltarían a ficar sen seren reguladas actividades cada vez máis habituais nas praias como a prática do surf, e tampouco se estabelece medida ningunha no referente á conservación e recuperación dos ecosistemas litorais.
Pola contra,a lei saca da manga a xa chamada “cláusula anti-Algarrobico” que daría facultades ao Delegado do Goberno para suspender actos e acordos ilegais adoptados por entidades locais que afecten a integridade, non só do DPM-T senón tamén da servidume de protección. Agroman tres cuestións sen resposta: a utilidade dunha figura política, centralista e descoñecedora da Lei, a posíbel invasión de competencias no caso de se suscitar o incumprimento da Lei en servidume de protección non afectando nen mesmo indirectamente ao DPM-T e a ausencia de solucións para os milleiros de construcións ilegais levantadas desde o ano 1988 até hoxe, ben no DPM-T como (moi especialmente no caso da Galiza) na servidume de protección, e que fican pendentes de derrubamento.
Mais a cerna do anteproxecto é a modificación dunha serie de artigos e disposicións da Lei de Costas 22/1988 que procuraban o uso público do DPM-T e a liberación progresiva das súas ocupacións, e que de ser aprobada favorecería a urbanización do litoral e a perpetuación das construcións e dos usos privativos nese dominio público. As principais mudanzas serían:
· Aumento dos períodos de concesión xa outorgados de 30 anos (ou 30 máis 30 nalgúns casos) a 75 anos. Por exemplo, a celulosa da ría de Pontevedra podería ficar até o ano 2063.
· As concesións en DPM-T pasarían a se poder transmitir intervivos, o que producirá o seu comercio.
· As autorizacións en DPM-T pasarían dun máximo dun ano a catro. En moitos casos perderíase o concepto de autorización de tempada aproximándoa demais á concesión.
· A redución do concepto de DPM-T. O máis grave é que, a pesar de se seguir a falar de “onde chegan as ondas nos temporais meirandes coñecidos”, o ponto 2 da disposición adicional segunda dálle a volta ao dicir: “A Administración Xeral do Estado revisará as delimitacións nos casos nos que o límite interior da zona marítimo-terrestre se fixara tendo como referencia os meirandes temporais coñecidos, cando estes, de acordo coas referencias comprobadas das que se dispuxeren, non alcanzaran o límite estabelecido na delimitación, en cando menos cinco veces, nos dez anos inmediatamente anteriores á data na que se praticara a delimitación, ou no defecto de referencias coñecidas nese período, nos dez anos inmediatamente anteriores á entrada en vigor da Lei”. Isto implica que daí en diante se usarían os máximos temporais ordinarios como referencia, o que obrigaría a refacer todas as delimitacións, cos problemas xurídicos que implicarían cando nesta altura na Galiza está aprobada a delimitación do 99% da costa. Outra consecuencia é que o DPM-T recuaría, o que favorecería a permanencia de construcións e usos que, mesmo só por seguranza de bens e persoas, deberían ir desaparecendo co tempo. Os temporais extraordinarios levaríano todo por diante, mais a reconstrución pagaríamola entre todas e todos.
· A publicación, sen xustificación ningunha, dun listado de dez vilas onde o DPM-T do que facían parte zonas urbanizadas ficaría sen efecto.
· A exclusión dos terreos inundados artificialmente para cultivo mariño e das salinas marítimas do DPM-T.
· A diferenciación interesada entre praias urbanas e naturais cuxo fin non se coñecería até se publicar o real decreto que aprobaría o regulamento que habería desenvolver a nova Lei, porén, disque facilitaría a ocupación privativa para os usos especiais en detrimento dos usos comúns (libres, públicos e gratuitos).
· As construcións existentes en servidume de tránsito pasarían a ter un mellor tratamento, equivalente ás situadas no resto da servidume de protección. O máis preocupante é que se o Ministerio non emite relatorio favorábel dous meses despois da solicitude, este se consideraría positivo.
· Por último, respecto á servidume de protección hai dous pontos moi graves. O primeiro, a posibilidade, excepcional mais real, de que se poida reducir nas rías a largura de 100 m a 20 m con acordo do concello, administración autonómica e estatal en función duns criterios topográficos e hidrográficos escuros. A segunda, a da disposición transitoria segunda que di que no prazo de dous anos desde a entrada en vigor da nova lei núcleos ou áreas que non estiveran clasificados como urbanos en 1988, mais que contasen con determinados sevizos públicos e que estivesen en áreas transformadas e aptas para a edificación ou consolidadas na metade ou máis da superficie e que actualmente teñan certificado de urbanos, poderían pasar de ter unha servidume de 100 m a 20 m.
De saír adiante este anteproxecto e ser aprobado como lei, con certeza o aumento da urbanización da costa estatal, en especial na galega, o incremento na privatización dos usos no DPM-T e a progresión no gasto público para indemnizar e tratar de paliar o danos provocados polos temporais e as vagas de mar tornaríase real. A anterior lei 22/1988 ficaría en saco roto e, en vez de reforzar a protección e a conservación, acompañando a recuperación da franxa litoral, despois das desfeitas urbanísticas e a degradación realizadas tanto no dominio público marítimo-terrestre como nas áreas de servidume desde a súa aprobación até a actualidade. Pola contra, preténdese legalizar o ilegal, absolvendo de responsabilidade as neglixentes actuacións das distintas administracións públicas competentes (incluída a propia Direción Xeral de Costas e Xefaturas Provinciais), que fixeron caso omiso en moitos dos casos ante tales desfeitas coincidindo co boom urbanístico das dúas últimas décadas, feito que rexeitamos.
Foto: GNSV - Sam Genjo




Diário Liberdade defende a discussom política livre, aberta e fraterna entre as pessoas e as correntes que fam parte da esquerda revolucionária. Porém, nestas páginas nom tenhem cabimento o ataque às entidades ou às pessoas nem o insulto como alegados argumentos. Os comentários serám geridos e, no seu caso, eliminados, consoante esses critérios.