1 1 1 1 1 1 1 1 1 1 (0 Votos)

120812 redondelaGaliza - UCnB - O colectivo “Senghasoil” quere que a vila de Redondela se transforme nunha “comunidade en transición” cara á sustentabilidade, capaz de facer fronte a desafíos cruciais para o noso futuro como o cénit ou teito da extracción do petróleo (o fin da era do petróleo abundante e barato) e a mudanza climática. Porque cómpre promover prácticas que sirvan ao tempo para mellorar a calidade de vida da xente e para superar a(s) crise(s). Non só a actual crise económica, senón tamén outras aínda máis importantes polas implicacións que poden ter a máis longo prazo e que están por debaixo dela, a enerxética e a climática.


O proxecto “Senghasoil”” preséntase coma “unha iniciativa xuvenil nacional” entre cuxos obxectivos figuran “concienciar á poboación da nosa alta dependencia do petróleo explicando as consecuencias desta dependencia; potenciar un desenvolvemento sostible; fomentar a participación e implicación cidadá; mellorar ambiental e socialmente a nosa contorna; ou promover unha maior cohesión social…”. Desenvolverase até o verán do próximo ano, estruturándose en catro liñas principais de traballo: mobilidade e enerxía, alimentación, asociacionismo e residuos.

A presentación pública de “Senghasoil” será hoxe quinta feira 2 de agosto a partir das 21.30 h, na praza da torre de Redondela, nun acto que incluirá pasarrúas, actividades informativas, proxeccións de vídeo e un concerto do grupo “Tridentes”.

Iniciativas en transición en Galicia

A iniciativa redondelá encádrase no movemento de iniciativas en transición. Xurdido en Inglaterra en 2006, espallouse por barrios, vilas e cidades de todo o mundo. No noso país forman xa parte deste movemento as iniciativas USC en transición ou San Pedro en Transición, impulsada nun barrio compostelá e hoxe integrada na Asemblea de barrio creada a raíz do 15M.

Tamén moi vencellada á visión e aos obxectivos deste movemento está a asociación Véspera de Nada, creada para concienciar á sociedade galega do fenómeno do cénit do petróleo. O seu nome procede do refrán galego “Día de moito, véspera de nada”Esta asociación lanzou a iniciativa Teo sen petróleo, que hoxe semella pouco activa, mais que xa obtivo o logro do recoñecemento oficial do teito do petróleo por parte do concello de Teo.

Segundo se pode ler na wiki en castelán do “Movemento de Transición”, “unha iniciativa de Transición xermola onde dúas ou máis persoas son quen de se expresar, escoitar, informar, e facer algo para reduciren de xeito progresivo o seu consumo de enerxía e materiais. O seu obxectivo será á vez práctico e ético. Práctico, porque aumentarán a resiliencia ou “robustez” das súas vidas, a das súas familias ou as da veciñanza, na perspectiva dos períodos de crecentes carencias que inevitabelmente imos atravesar. Ético, porque tentarán axustar a súa pegada ecolóxica á capacidade do planeta”.

Palestra de Rob Hopkins

Para saberes máis sobre este movemento, recomendámosche a palestra no TED de Rob Hopkins, un dos seus principais animadores: http://www.ted.com/talks/view/lang/pt-br//id/696.

Foto: UCnB


Diário Liberdade é um projeto sem fins lucrativos, mas cuja atividade gera uns gastos fixos importantes em hosting, domínios, manutençom e programaçom. Com a tua ajuda, poderemos manter o projeto livre e fazê-lo crescer em conteúdos e funcionalidades.

Microdoaçom de 3 euro:

Doaçom de valor livre:

Última hora

Publicidade
Publicidade
first
  
last
 
 
start
stop

Quem somos | Info legal | Publicidade | Copyleft © 2010 Diário Liberdade.

Contacto: info [arroba] diarioliberdade.org | Telf: (+34) 717714759

Desenhado por Eledian Technology

Aviso

Bem-vind@ ao Diário Liberdade!

Para poder votar os comentários, é necessário ter registro próprio no Diário Liberdade ou logar-se.

Clique em uma das opções abaixo.