En Verdegaia sempre nos opuxemos a estas mostras de irracionalidade, emporiso no día 10 de xullo a iso das 19:00 horas unirémonos a algunhas persoas da veciñanza no noso rexeitamento ás inxustificadas talas pola deshumanización en Vigo. Colgaremos nas árbores en perigo de tala de Martínez Garrido unha advertencia e aproveitaremos para informar no Calvario da desolación que nos agarda.
A relación dos seres humanos, como animais que somos, coas prantas é, tanto dende un punto de vista psicolóxico e social coma biolóxico, de beneficio mutuo. As cidades máis grises son menos habitables e depresivas, amais de produtoras de maiores cotas de CO2 (o cal demostra a falta de compromiso na loita contra a Mudanza Climática). As árbores protéxennos do ruído, da calor, da chuvia e das nosas propias pantasmas en forma de estrés ou pensamentos negativos.
Cada vez atopamos menos zonas verdes nas cidades, preto de vivendas onde as nenas e os nenos poderían xogar sen preocuparse polos efectos negativos do tráfico, desligándonos, así, cada vez máis da natureza á que pertencemos no medio que estamos a modificar.
Dende Verdegaia, sempre pediremos un modelo de cidade máis progresista, entendida esta coma un lugar no que se poida vivir con ledicia e paz co medio ao cal pertencemos e do que dependemos. A capacidade transformadora está dentro de cada un de nós e non deberiamos de fixarnos tanto no que din darnos, senón máis naquilo do que nos privan.


