1 1 1 1 1 1 1 1 1 1 (0 Votos)


Galiza - Véspera de Nada - 180412 queremos-abellas-non-as-fumigacionsChegounos o día 6 a noticia de que as autoridades (electas ou de facto) que nos gobernan decretaron para este mes de abril de 2012 o comezo dunha fumigación masiva e ¿obrigatoria? das plantacións de eucaliptos de Galiza cun produto que é tóxico para as abellas, ademais de para outros seres vivos. Filtrouse a noticia desde Melide onde o concello estivo a enviar comunicacións aos veciños e poñendo bandos nas parroquias indicando que os propietarios «deben pasar por Medio Ambiente e dar autorizacion para fumigar».


Non alcanzamos a comprender como unha mente racional pode concibir tamaño despropósito, tolemia de tal envergadura. Todos sabemos —e máis deberían saber os nosos intelixentes gobernantes— que as abellas (e especies achegadas como os abellóns) cumpren unha función vital nos ecosistemas, como vector polinizador de moitas especies de plantas, entre elas moitas das que se alimenta o ser humano (informa a Asociación Galega de Apicultura que o 80% das plantas con flores e o 84% das plantas cultivadas son polinizadas polas abellas, e que o 76% da nosa alimentación depende da presenza das abellas nos nosos campos). Se as abellas desaparecen, como os científicos veñen alertando desde hai anos, a supervivencia da nosa especie (e moitas outras) veríase seriamente comprometida; mesmo Albert Enstein advirtiu no seu momento de que a supervivencia da especie humana dependía das abellas.

Xa que logo non se trata de contrapoñer os intereses dos posuidores de plantacións de eucalipto do noso país, ameazados por unha praga —previsible, por outra banda, en calquera monocultivo— de insectos Gonipterus scutellatus, contra os intereses doutro sector, o dos apicultores, que vive dun produto directo das abellas, como é o mel. Non, do que falamos é de (tentar) salvar un negocio provocando o colapso dos ecosistemas e a morte da agricultura e gandeirías do país. Unha auténtica tolemia suicida colectiva! Porque disto é do que falamos, alén da previsible contaminación directa con este tóxico do conxunto de acuíferos, animais, persoas e plantas nos milleiros de hectáreas nas que foron plantados eucaliptos neste país grazas ás políticas promovidas durante décadas por intereses capitalistas moi concretos que nos convertiron nunha descomunal mina de pasta de papel a ceo aberto. Falamos de que esta fumigación masiva pode deixar Galiza sen abellas, e un país sen abellas é un país condeado a perder practicamente toda a súa produción agrícola e a ter que sustentar as persoas e os animais por medio de alimentos importados. Seica é iso o que pretenden as intelixentes e responsables persoas que ordearon ou favoreceron estas fumigacións aéreas? Queren sacrificar o noso sustento directo para salvar os eucaliptos? Este plan supón un ataque salvaxe á nosa soberanía, á máis importante das soberanías que pode ter un pobo, que é a de se poder alimentar a si mesmo. Non podemos menos ca consideralo unha declaración de guerra en toda regra contra o noso pobo. O obxectivo final desta guerra seica á arrasar Galiza para convertela toda ela nun ermo onde non nazan máis que eucaliptos, e onde as persoas deban depender de importar comidas e pensos para poder vivir. Iso, nun contexto de devalo do petróleo que encarecerá en gran medida a produción e mais o transporte de todo tipo de bens, incluídos os alimentos, supón condearnos á maioría de nós á fame e en derradeira instancia á emigración ou á morte. Para iso que nos bombardeen directamente desde as avionetas e helicópteros de fumigación e acabarán antes!

Esta ameaza á nosa vida, ao noso sustento máis primario actual e futuro, non pode chegar a realizarse: non podemos permitilo. O futuro da nosa alimentación xa está abondo comprometido polo esgotamento do petróleo e do gas natural que fan posibles o modelo actual de produción e distribución de alimentos. Pero sen abellas é que xa non haberá ningún futuro! Debemos acudir á Xustiza para suspender con carácter inmediato este bombardeo de morte sobre as nosas terras, amparándonos no dereito máis fundamental, o noso dereito á vida, que debe primar sobre calquera risco económico que sufran as propiedades dos donos dos eucaliptos e dos intereses do lobby representado pola Asociación Española de Fabricantes de Pasta, Papel e Cartón así como dos fabricantes e comercializadores de pesticidas, xa que o produto co que se pretende fumigar (Flufenoxuron, nome comercial: Cascade) vai deixar de estar permitido en poucos meses, segundo directiva da UE. Está claro que alguén quere desfacerse dun bo cargamento dese produto asasino antes desa data, e conta coa colaboración do poder económico e político. Se queren combater a praga, que o fagan cun produto non contaminante, que sexa biocompatible con todas as demais especies, e que non poña en perigo a un elemento tan crítico dos ecosistemas que nos dan a vida como son as abellas. Existen medios moito menos agresivos, como a loita biolóxica (mediante a avespaAnaphes nitens nomeadamente), de loitar contra este insecto que afecta os eucaliptos, que aínda que puidesen ser máis caros e custosos de aplicar cá fumigación aérea con insecticida, non poden compararse co custo que tería para o país e cada un(ha) dos seus habitantes a extinción deliberada e masiva das imprescindibles abellas. A Xunta defende de cara ao público esta opción pero por tras permite e favorece que se boten toneladas de tóxicos sobre o país.

Ou aínda que mesmo non se puidese atallar a praga de ningunha outra maneira e houbese que sacrificar todas esas árbores, cuxo destino principal é a produción de papel, e que non fornecen alimento ningún ao ser humano, sería unha opción preferible a nos vermos incapaces de producir alimentos en todo o país. Debemos morrer todos de fame polaprodutividade monetaria das fincas duns poucos, e para que alguén se desfaga dun stock de insecticida a piques de ser prohibido pola súa perigosidade? Ou seica queren os nosos gobernantes que nos alimentemos no futuro a base de papel ou, se cadra, dos produtos das químicas que fabrican estes tóxicos?

E se a xustiza non amparar o noso dereito a nos alimentarmos e a vivir, deberemos ser nós mesmos quen nos defendamos por todos os medios que foren precisos diante deste atentado á nosa integridade física e á nosa supervivencia. Diante dun goberno ecocida e xenocida (ou que permite eses crimes por activa ou por pasiva, postos en marcha por intereses privados empresariais) a ética e os principios fundamentais do Dereito internacional xustifican a nosa lexítima defensa. Para salvar as abellas, para salvármonos nós: ¡paremos o ecocidio!, ¡paremos a fumigación xa!

Foto: VdN


Diário Liberdade é um projeto sem fins lucrativos, mas cuja atividade gera uns gastos fixos importantes em hosting, domínios, manutençom e programaçom. Com a tua ajuda, poderemos manter o projeto livre e fazê-lo crescer em conteúdos e funcionalidades.

Microdoaçom de 3 euro:

Doaçom de valor livre:

Última hora

Publicidade
Publicidade
first
  
last
 
 
start
stop

Quem somos | Info legal | Publicidade | Copyleft © 2010 Diário Liberdade.

Contacto: info [arroba] diarioliberdade.org | Telf: (+34) 717714759

Desenhado por Eledian Technology

Aviso

Bem-vind@ ao Diário Liberdade!

Para poder votar os comentários, é necessário ter registro próprio no Diário Liberdade ou logar-se.

Clique em uma das opções abaixo.