No día de hoxe celebrouse un acto informativo de concentración diante dunha superficie comercial da cadea DIA en A Coruña, para sensibilizar e denunciar diante das consumidoras e consumidores as prácticas de extorsión que as multinacionais da distribución -entre elas DIA- practican para impoñer prezos ruinosos que conlevan o peche de milleiros de explotacións leiteiras na Galiza e en toda Europa.
Nese senso, a Secretaria Xeral do Sindicato Labrego Galego, Carme Freire, enmarcou ditas prácticas na responsabilidade que os gobernos están tendo á hora de seguir propoñendo maior desregularización dos mercados e maior liberalización da produción, na próxima reforma da PAC.
O SLG recordou que os ministros e as ministras de agricultura da UE, que se reúnen en Mérida a finais do mes de maio, vanse atopar o día 30 cunha resposta das labregas e dos labregos, convocados/as polas organizacións que forman parte da Coordenadora Europea Vía Campesina -da cal o SLG é membro-, para que a reforma da PAC que están a elaborar signifique o mantemento de explotacións en base a ter prezos que cubran custes de produción, para o cal é imprescindible que se regulen os mercados e se controle a produción, non permitindo ás multinacionais que acaben co tecido agrario galego e de toda a Unión Europea.