1 1 1 1 1 1 1 1 1 1 (0 Votos)

280410_gznsvGaliza - Altermundo - [GZNSV] A xuntanza de ministros de Pesca da UE en Vigo (4-5 maio) é unha ocasión para pular por un modelo sustentábel para o mar.


"Coma o peixe non se vía, e daquela non había os adiantos, coma a sonda, había que ghaldear, que era machucar sardiñas podres para botalas no momento da pesca e enghardar, atraer e xuntar o peixe. Facíao un home que se separaba do barco nunha chalana hasta quedar no medio. Mentres tanto largábase en redondo. Para iso dous homes estaban en proa, para halar a pedreira e despois tirar a jareta e que entrara o peixe. En popa, dous homes halaban os corchos, que teñen que ir separadiños, e outros dous homes poñían a rede ben e recollían".
"Homes de ferro en barcos de madeira"
(Esperanza Piñeiro de San Miguel e Andrés Gómez Blanco)

As xentes que viven do mar coñecen de primeira man a realidade do sector pesqueiro. Son testemuñas, día a día, das continuas agresións ao medio mariño. Testemuñas e axentes involuntarios. Empresas e mariñeiros tratan de manter unha actividade extractiva cada vez menos rendíbel e que, diante da presión do mercado capitalista, carece de regulamentacións e límites racionais, o que deriva na sobreexplotación do mar como recurso e na súa degradación como ecosistema.

Dende as artes tradicionais de antano até a pesca industrial de hoxe, a actividade pesqueira sufriu unha evolución tecnolóxica que, asociada ao actual modelo socioeconómico, ten efectos perversos. En primeiro lugar, unha desmesurada capacidade de explotación, e a correspondente desmesura na demanda. En segundo lugar, a concentración dos medios extractivos máis potentes nas mans das poucas empresas coa capacidade económica e tecnolóxica precisa. En terceiro lugar, o férreo control do mercado por intermediarios multinacionais.

A sobreexplotación dos caladoiros está a provocar un esgotamento dos recursos nunca antes coñecido, mais sobre todo un desequilibrio ecolóxico que leva aos ecosistemas mariños a unha situación crítica, ocultada sistematicamente polos poderes políticos á opinión pública.

Os beneficios económicos da pesca concéntranse nunhas poucas de mans. Mentres, as xentes do mar e os traballadores das empresas do sector teñen dificultades para sacar adiante as súas modestas economías. A desmesura da extracción, o emprego de artes destrutivas e o seu abandono no mar, teñen graves efectos na pesca de altura e de baixura, nas augas oceánicas e nas litorais, en todo o mundo. Isto compromete gravemente a subsistencia de moita xente, sobre todo nos países da periferia.

En Galiza, as artes tradicionais e a pesca de baixura enfróntanse a un proceso de extinción económica e cultural, consentido ou incluso planificado polos poderes públicos. As nosas costas xa non fornecen a demanda dos mercados propios coas especies do día. Os peixes e mariscos que consumimos proceden máis da importación e dos cultivos que das augas e areais galegos. E é que, no noso país, aos efectos da sobreexplotación pesqueira engádese a degradación ecolóxica do litoral provocada pola actividade humana, tanto en terra como no mar. Os asentamentos urbanos, a industria, as infraestruturas, o agro e a mesma pesca son xeradores de residuos e fonte de verquidos contaminantes, produtos que, incontrolados e non depurados, acaban depositados ou disoltos nas augas costeiras, absorbidos nos sedimentos dos fondos das enseadas, esteiros e areais e, finalmente, incorporados, a través das cadeas tróficas, nos organismos das especies mariñas, incluídas aquelas das que nos alimentamos. A isto hai que engadir a ocupación directa do leito mariño pola desmedida proliferación de infraestruturas portuarias, o que supón a desaparición de ecosistemas valiosos, a alteración das correntes e unha nova achega de materiais contaminantes.

Hoxe non podemos ver o mar como o que era antes: un ecosistema portentoso e unha fonte de recursos aparentemente inesgotábel. O mar está ferido pola man do home, por un sistema socioeconómico irracional, pola procura compulsiva de beneficio económico, pola inconsciencia do ser humano e pola súa insensibilidade cara o medio que soporta a súa mesma vida.

Este mar ferido precisa accións urxentes. É necesario deter as agresións ao medio mariño, atopar o xeito de reparar os danos provocados e restaurar o seu equilibrio ecolóxico. É necesario atopar un novo rumbo, que nos permita abandonar a nosa actual condición de depredadores que compiten encarnizadamente por uns recursos limitados, e que nos leve a unha coexistencia cooperativa, e a un modo de vida o máis simbiótico posíbel co medio do que procedemos e ao que pertencemos.

O vindeiro mes de Maio vaise a celebrar en Vigo unha xuntanza informal de Ministros de Pesca da UE. O seu obxecto é seguir tratando de elaborar e reformar o marco legal para unha pesca máis sustentábel. É dicir: tratar de elaborar unha política pesqueira menos irracional. Unha política que non dan acadada despois de moitos intentos errados. Unha política que debería ter un obxectivo radical: unha pesca racional e sustentábel, e que xa tería que estar a funcionar e dando resultados dende hai anos, quizais dende os propios comezos da actividade pesqueira a grande escala. Pero a UE segue a dar bandazos, presionada por un mercado que busca o menor custo e máximo beneficio, sen ter en conta os parámetros sociais e ecolóxicos nos seus cálculos. Deste xeito, a UE dálle cova a unha actividade pesqueira industrializada de comportamento salvaxe cos propios recursos e co medio mariño.

Ante a absoluta desinformación por parte do sistema político-económico sobre a gravidade do problema, o Cumio é unha ocasión excelente para rachar o silencio. Para que os movementos sociais fagamos oír a nosa voz de alarma e denunciemos a situación. Para facer un debate público, analizar o problema e buscar alternativas. Para concienciar á sociedade. Para salvar o mar... e a nós mesmos.

Reivindicacións diante dos ministros de Pesca da UE

O vindeiro 5 de maio reúnese en Vigo a interministerial de Pesca da Unión Europea. Para moitos colectivos integrantes dos movementos sociais o normal é que se escolla Vigo para tal xuntanza, de igual xeito que o normal sería que, ao contrario do que fan os gobernos da Unión Europea, os ministros avogasen por unha pesca sustentábel no canto das malas artes das grandes multinacionais, que esquilman os mares do planeta e destrúen a biodiversidade.

Amarante xunto con Altermundo, Verdegaia, os colectivos da rede 'A Ría Non se Vende' e 'Galiza Non se Vende', a Marcha Mundial das Mulleres, Ecoloxistas en Acción, Greenpeace e outros moitos, están a preparar actividades alternativas e de denuncia entre o 27 de abril e o mesmo 5 de maio.

- Martes 27.- 20:00.- Charla.- "Os Impactos da Pesca de Altura".
- Mércores 28.- 20:00.- Charla.-"Pesca de Baixura: das Dornas ó Trasmallo".
- Xoves 29.-20:30.- Mesa Redonda con mulleres mariscadoras:"Contribución das mulleres na pervivencia do ecosistema mariño e nos oficios do mar".
- Venres 30.- 20:00.- Charla sobre os impactos da depuradora de Coruxo".
- Luns 3.- 18:00.- Encontro de colectivos. "A política Pesqueira Común a Debate".
- Luns 3.- 20:00.- Charla "Plano Acuícola. Unha aposta das grandes empresas".
- Martes 4.- 20:00.- Mesa Redonda: "Políticas pesqueiras da Unión Europea e alternativas para a ecoxestión".
- Mércores 5.- Peche dos actos na rúa. Teatralización dos impactos no medio mariño das diferentes políticas pesqueiras da UE.

Son só algunhas das actividades, amais dunha exposición itinerante, que se irán actualizando na web de Galiza non se Vende e os demais colectivos. As sedes das ditas actividades serán anunciadas nestes espazos.

O mesmo 5 de maio entregarase á Ministra de Pesca española un MANIFESTO reivindicativo.


Diário Liberdade é um projeto sem fins lucrativos, mas cuja atividade gera uns gastos fixos importantes em hosting, domínios, manutençom e programaçom. Com a tua ajuda, poderemos manter o projeto livre e fazê-lo crescer em conteúdos e funcionalidades.

Microdoaçom de 3 euro:

Doaçom de valor livre:

Última hora

Publicidade
Publicidade
first
  
last
 
 
start
stop

Quem somos | Info legal | Publicidade | Copyleft © 2010 Diário Liberdade.

Contacto: info [arroba] diarioliberdade.org | Telf: (+34) 717714759

Desenhado por Eledian Technology

Aviso

Bem-vind@ ao Diário Liberdade!

Para poder votar os comentários, é necessário ter registro próprio no Diário Liberdade ou logar-se.

Clique em uma das opções abaixo.