Esta decisión ten consecuencias económicas importantes para o mercado do mel. Os produtores de Galicia, onde os cultivos OXM están autorizados, e ao ser España con moita diferenza o país con máis OXM, estarán sometidos á incapacidade de proceder á venda dunha boa parte da súa produción, co que sofren así un prexuízo considerable.
Por outra parte, os apicultores producen tamén a cada paso máis pole, produto cun mercado á alza, e a produción de pole está tamén condenada pola contaminación con material transxénico proveniente dos OXM.
Este asunto pon en evidencia a inviabilidade de asegurar a coexistencia da apicultura e dos cultivos OXM no campo. Á contra da maior parte doutras producións, os apicultores non teñen a posibilidade de elixiren as fontes de alimento das súas abellas, e os apicultores non poden ser declarados responsables das prácticas doutros agricultores veciños.
Os apicultores que nós representamos, sexan profesionais ou afeccionados, están dispostos a defenderen o seu dereito a manter a actividade apícola, xa que numerosos estudos e informes nacionais e internacionais amosaron a nosa contribución á produción agrícola e á biodiversidade, e tanto nós coma as nosas abellas espertan o interese en xeral da nosa sociedade.
Os apicultores non poden soportar o peso dunha crise na cal non temos ningunha responsabilidade. Por todo isto pedimos a indemnización dos apicultores prexudicados polo valor do seu mel non vendible, así como a devolución dos gastos das análises realizadas despois desta sentenza.
Os cidadáns non desexan consumir mel contaminado, mesmo debilmente; queren ser informados da calidade dos produtos que consomen. Os apicultores quérenlles ofrecer aos seus clientes mel e pole sen OXM, o que non é posible mentres estes sexan cultivados no campo.
Por todo isto pedimos unha moratoria dos cultivos de organismos xeneticamente modificados no agro galego.
Foto:

