A ría de Muros e Noia xa conta coa primeira das dúas gaiolas experimentais de salmón que ten ó sector pesqueiro e marisqueiro da comarca en pé de guerra. Apenas unha semana despois de que os mariñeiros se manifestasen ante a Xunta para pedirlle á conselleira de Mar, Rosa Quintana, dar marcha atrás no permiso dado a North West Food, a firma -de capital noruegués e galegos- procedeu a instalar o primeiro dos artefactos no polígono C, situado na zona norte da ría de Muros e Noia. O traslado dende a de Arousa produciuse na noite do mércores ó xoves tras un intento frustrado durante o día, cando unha trintena de barcos volveron mobilizarse no medio da ría para evitar a colocación desta infraestrutura piscícola.
Pese a indignación do sector, fontes de North West Food congratuláronse onte, en declaracións a Europa Press, da instalación da primeira das dúas plataformas, aínda que non quixeron concretar cando se disporán a colocar a segunda, para non provocar novas protestas por parte das embarcacións. Ademais, o Xulgado de Primeira Instancia de Muros admitiu a trámite a denuncia que a empresa interpuxo contra as persoas que impediron a colocación dos viveiros, coa súa presenza no mar, o pasado mércores. Tras ter coñecemento da acción, o responsable da confraría de Noia, Santiago Cruz, cargou duramente contra a firma por acudir ós xulgadaos: "Por que teñen que denunciar? Non as están poñendo? Que poñan a outra", resolveu.
Recollida de sinaturas para acudir ó Valedor do Pobo
Cruz avanzou que "o sector continuará coas mobilizacións", posto que considera os feitos son "unha inxustiza". De feito, as confrarías presentes nesta ría avalían se acudir ós xulgados no caso de que as gaiolas sigan no mar, ademais de continuar coa recollida de sinaturas coas que farán chegar a causa ó Valedor do Pobo. Do mesmo xeito, os patróns maiores trasladaranse hoxe a Compostela para entregarlle á conselleira de Mar os informes "que demostran os efectos contaminantes" das gaiolas sobre o ecosistema, que pon en perigo un total de 5.000 postos de traballo directo.
Foto: Pablo Silva. Os barcos de baixura lograron parar dúas veces a instalación das gaiolas, ante a vixilancia da Garda Civil


