1 1 1 1 1 1 1 1 1 1 (0 Votos)

131102 irmandadetvGaliza - Sermos Galiza - Conversamos coa cara máis visíbel desta televisión alternativa que emite pola internet e que vén de dar o salto ao directo.


Non é xornalista de estudos mais si de profesión. Semana tras semana deixa claro que este oficio non se aprende entre as catro paredes dunha facultade.

De aparencia introvertida e quizais tamén un bocadiño tímido, Aurélio Lopes Ramom non dubidou en se colocar diante dunha cámara para lle pór cara e voz a Irmandade.tv, a primeira televisión da Galiza que emitiu pola internet e que agora vén de apostar tamén nas entrevistas en directo.

Naceu hai cinco meses e, desde aquela, non deixou de medrar. No horizonte, todo un reto: sentar a Feijóo á mesa para que responda "unha entrevista de verdade".
 

A idea de Irmandade.tv chegou desde Holanda...

Si, unha das fontes das que bebemos foi da experiencia dunha compañeira traballando aló nunha televisión comunitaria onde un colectivo de persoas que se comprometeu a desenvolver un formato televisivo íanse agregando á grella. Ese era o seu funcionamento. 

Como era unha maneira alternativa ás grandes empresas da comunicación tomamos algunhas ideas de aí. Non copiamos, que nós de momento só temos tres programas, mais si que aprendemos desa experiencia que ela traía para encetar o desenvolvemento de Irmandade. Haberá que ir vendo pouco a pouco como segue.

Como se sente no papel de xornalista?

[ri] Hai quen di que a ciencia política, as ciencias sociais e o xornalismo son diferentes focaxes dunha mesma materia. Non sei se me sinto xornalista de todo. Con todo, si que é unha maneira diferente de estar, porque non é tanto a túa opinión, non es ti quen condiciona os debates, cómpre facer un exercicio de contención. Isto, a nivel persoal, foi un cambio. Despois á hora de conducir os programas xa me vou sentindo cada vez máis a gusto, aprendendendo e vendo de mellorar semana a semana.

A reflexión a respeito das carencias nos medios convencionais foi tamén motivo para que botasen a andar esta televisión alternativa?

Si. A principal carencia é que a día de hoxe no noso País non hai unha televisión nacional digna dese nome. Non existe. O que hai é unha televisión pública que está absolutamente hexemonizada e ao servizo do PP. E despois algunha outra televisión privada de ámbito galego, como podería ser V-Televisión, pois... en fin... non nos vale. Pertencente ao grupo La Voz, o trato ao idioma é bastante lamentábel fomentando a diglosia e empregando o español permanentemente.

Así que cremos que a única maneira de que exista esa televisión nacional é construírmola de maneira privada. Isto non quere dicir empresarial senón que non reciba axuda dos poderes públicos, pois é evidente que eses poderes públicos están en mans duns señores que non ven de bo agrado unha televisión como Irmandade.tv.

Desde a nosa modestia e sabendo cal é o terreo que pisamos, porque non estamos no mando da televisión e a veciña do quinto non pode premer o número 9 e entrarlle na casa. Ten que ter internet e ten que nos buscar a pé feito... mais a reflexión foi esa.

Grosso modo, sinalou xa dous dos eixos da liña editorial de Irmandade.tv: "televisión nacional" e "trato ao idioma". Concrete un bocadiño máis, faga o favor.

[fala ás présas, con convencemento] Ten que haber unha televisión na Galiza, en galego, que fale dos problemas que preocupan ás persoas e comprometida cos movementos populares, que estea situada na esquerda e que represente os intereses dun sector importantísimo para entender a política neste País: o nacionalismo, o soberanismo e o independentismo galegos. 

A quen gostaría de sentar na mesa de entrevistas?

Agardo ter posibilidade de sentar a todos os protagonistas da vida política galega, sexan da cor que sexan. É ese o reto tanto d'O Debate como de Irmandade.tv: sermos quen de chegar a públicos distanciados da nosa liña editorial e que, cando teñamos algo máis de influencia, teñan que vir e responder as nosas preguntas. Mais que focalizalo nunha persoa, prefiro facelo nesa idea.

Mais, como hoxe vostede é o entrevistado, voulle pedir que se molle.

[ri] Pois... vouche dicir! Ao presidente Feijóo! Que se atrevese a responder unha entrevista de verdade, non?

Que valoración fai da que lle fixo a TVG e cal sería a que lle faría Irmandade.tv?

A da TVG estivo adaptada ao guión de Feijóo, de luva branca, como dixo Sermos Galiza na súa crónica. Pártese de que as afirmacións que el fai son certas e non se lle pregunta nada do que realmente importa nas rúas. 

Que entrevista lle faría Irmandade.tv? Pois preguntariamos polas cuestións que aparecían na vosa crónica. Non só pola súa relación con Marcial Dorado, senón pola relación histórica do PP galego co narcotráfico; que pasou cos contratos de Pemex; polo peso do franquismo no interior do seu partido... como bo xornalista tería que a preparar! [apunta entre risas]

[volve porse serio] Gostaría de o espir a respeito da súa visión do País: que pensa que é España? Con que corrente se identifica máis dentro do seu partido? 

É unha persoa á cal non se lle ouven declaracións ideolóxicas. Falta esa entrevista onde alguén sexa quen de lle sacar a ideoloxía, mais aló de que evidentemente representa a dereita e o españolismo. Se se pode ir máis aló, porque igual é simplemente un boneco.

En cinco meses, Irmandade.tv deu o salto daquel modesto debate até os directos, pasando pola retransmisión íntegra e ao vivo do xuízo na AN contra catro independentistas galeg@s e o nacemento de novos espazos, como as video-columnas. Que toca agora?

A idea é sermos unha televisión xeralista que achegue moitos contidos diferentes. Nese sentido, Roi Vázquez, que é músico, vai presentar un programa novo onde queremos que teñan cabida todos os estilos e que dea a coñecer os grupos que fan música en galego no País. Aliás, xa funciona tamén o Caleidoscopio, un programa de entrevistas.

En directo retransmitimos tamén o debate sobre o Estado da Autonomía. Intentaremos continuar con máis directos mais, o que temos claro é que para facer o que facemos cómpre investir moitas horas e somos unha televisión 'amateur', non unha canle profesional. Mais bon, tamén é certo que estamos moi contentos con como está a saír todo [sorrí]


Diário Liberdade é um projeto sem fins lucrativos, mas cuja atividade gera uns gastos fixos importantes em hosting, domínios, manutençom e programaçom. Com a tua ajuda, poderemos manter o projeto livre e fazê-lo crescer em conteúdos e funcionalidades.

Microdoaçom de 3 euro:

Doaçom de valor livre:

Última hora

Publicidade
Publicidade
first
  
last
 
 
start
stop

Quem somos | Info legal | Publicidade | Copyleft © 2010 Diário Liberdade.

Contacto: info [arroba] diarioliberdade.org | Telf: (+34) 717714759

Desenhado por Eledian Technology

Aviso

Bem-vind@ ao Diário Liberdade!

Para poder votar os comentários, é necessário ter registro próprio no Diário Liberdade ou logar-se.

Clique em uma das opções abaixo.