Referímonos á noticia aparecida no Telexornal Serán do pasado mércores 23 baixo o titular "ENCE xa pechou vendas para 2013 equivalentes ás de todo o ano pasado".
O desenvolvemento da noticia non era máis que un canto á empresa, máis propio dun anuncio publicitario ou dun informe para os seus accionistas que dunha información xornalística nun medio público. O consello de redacción dos informativos da televisión pública galega, coñecedor sen dúbida do conflito social que a presenza de ENCE xera no noso país e máis concretamente na Ría de Pontevedra, en ningún momento se puxo en contacto coa nosa asociación para pedir a nosa opinión ao respecto e así ofrecer ás galegas e aos galegos unha visión máis completa sobre o que supón a presenza desta industria pasteira en Lourizán.
Consideramos que a aparición desta noticia non é casual, e sabemos que a TVG e os seus informativos están ao servizo da Xunta do Partido Popular, polo que no contexto actual de modificación da Lei de Costas que prepara o goberno español, e que contempla a posibilidade de ampliar as concesións a industrias que, como ENCE, posúen concesión en zonas de dominio público marítimo-terrestre mesmo en contra dunha hipotética decisión negativa por parte da Xunta de Galiza. Todo indica que se pretende lexitimar unha industria cuestionada e rexeitada maioritariamente pola veciñanza de Pontevedra para facilitar a súa continuidade alén de 2018.
Desde a APDR esiximos máis rigor xornalístico e pluralidade á TVG, pois só así poderá cumprir co seu cometido de contribuír a unha opinión pública máis informada e que permita aos galegos e galegas posicionarse con argumentos e verdadeiro coñecemento de causa sobre un problema que ao noso entender é fundamental para o futuro da comarca pontevedresa. Pórse ao servizo dos intereses privados de ENCE é xusto o contrario disto.
Pontevedra, 28 de xaneiro de 2013