1 1 1 1 1 1 1 1 1 1 (0 Votos)

gzfotoGaliza - Contrapoder - O que onte se viviu nas rúas de Compostela, con barricadas, cargas, feridos e feridas, con toda a brutalidade do sistema e a indignidade dun goberno que se nega a paralisar o pleno parlamentar que decorría a escasos metros de alí, merece unha análise repousada. A urxencia, porén, obriga a — no entanto — deixar xa algunhas reflexións a modo de apontamentos do natural, mesmo a risco de nos mover na provisionalidade.


O cerco galego: outra vítima da negación política

Onte foi un día de recordes: antes das 17h00 xa se tiñan reportado cargas policiais e violencia institucional contra colectivos de preferentistas, contra alcaldes e alcaldesas opostas ao modelo Sogama, contra deputadas e deputados da oposición da esquerda (BNG e Anova) e contra mariñeiros do cerco condenados á fame polo reparto das cotas de peixe deseñadas en Madrid, cuxa consecuencia práctica e inmediata será a paralisación de 160 barcos e a ruína de 2.000 familias — só en empregos directos.

Que a situación se teña tensionado especialmente na quenda de represión física contra os mariñeiros non estraña se se leva en conta que a disposición ao uso da forza xa é unha constante ordenada polos responsábeis políticos desas forzas represivas, que hai tempo teñen perdido completamente o norte (notadamente o delegado do goberno español, Samuel Suárez) e que, no outro lado do campo, o que hai é un colectivo fortemente cohesionado á contra, cuxa unión non é tan puramente circunstancial como poida ser a das vítimas da estafa bancaria das preferentes e subordinadas.

Por outra parte, que o conflito cos mariñeiros teña unha forte componente interclasista ao incorporar tanto os traballadores do mar como os armadores e propietarios dos barcos — dos medios de produción, se quixermos usar terminoloxía científica clásica — lévanos claramente para un conflito que, no entanto, se move mais na coordenada colonia-metrópole do que na coordenada burguesía-proletariado. Por outras palabras: que ten máis a ver co conflito nacional e coa negativa do direito a decidirmos nós sobre o noso — pesca incluída.

Ainda, que o inxusto reparto das cotas de pesca veña marcado por Bruxelas e se efectivice finalmente en Madrid, deixando a Galiza sen calquera capacidade de exercer o seu xa limitado autogoberno para incidir sobre un sector que é estratéxico para o país non fai outra cousa que reforzar esta idea de que é aquí onde se produce, e fora de aquí onde se decide e onde se ordena — e tamén onde se acumula o lucro derivado, por certo. Neste sector como en tantos outros: electricidade, naval, leite, etc.

O Parlamento como refúxio?

A xornada, ademais, deixa tamén, de forma simultánea, un retrato da situación de subalternidade política da Galiza tan elocuente como provocador.

Xa sabiamos o que era unha evidencia aos berros: que o Parlamento non serve para nada mais que como recurso de propaganda metonímica da democracia, para dicer: «temos parlamento, ergo temos democracia». A negativa a paralisar o pleno por parte do Partido Popular e a incapacidade do PSOE para abandonar o hemiciclo xunto co BNG e con Anova fala tamén dun sistema burgués necrosado, que só resiste na medida en que se parapeta por trás de muros e escuadróns policiais.

Se a iso sumarmos a vontade de reducir precisamente ese parlamento, de ir ao mínimo estatutario da representación nun sistema cuxa principal característica é a representatividade (xa que non a participación), a leitura é clara: a arrogancia chega a tal limite no Estado español que o Parlamento, nesta fase pró-fascista do capitalismo, xa non fai falla nen para o simulacro. E menos nunha nación colonizada como a nosa en que a casta política española se nega a exercer as súas competencias lexislativas e executivas, esperando que se goberne desde Madrid.

Parapetarse nun Parlamento esvaciado de oposición mentres se ordena a policía cargar, en pouco máis de dúas horas, contra colectivos diversos trae de volta vellas imaxes nas que a policía vestía de gris e respondía ao nome de Brigada Política Social, mais onde quen entón mandaba e quen hoxe manda son os mesmos.

Falta por ver se a incapacidade do PSOE para entender que hoxe, así as cousas, a oposición política se tiña que ter feito na rúa e non nun Parlamento inutilizado pola pinza extremista dun PP propositadamente cego, xordo e mudo transparece unha incapacidade maior: a de se situar realmente da banda do pobo, con todo o que iso implica. Se tal cousa se verifica — tal como pensa a maioria da esquerda transformadora do país — será necesario tomar boa nota para vindouras chamadas á unidade da «esquerda».

Por último, coas primeiras noticias xa saídas do prelo virtual da maioría dos medios, e coas reiteradas críticas sobre que a violencia non conduce a parte ningunha ou sobre que as formas fan perder a razón e outras frases feitas do estilo, convén denunciar o duplo raseiro de quen critica estes surtos violentos de Compostela como criticou as mobilizacións anti-troika de Bilbo ou as mobilizacións no bairro do Gamonal, ao tempo que aplaude como paradigma da democracia os golpes de Estado na Ucraína, na Siria, na Bosnia, etc. Cada día fica máis claro non só o pavor da dereita a lexislar sen intimidación previa, como tamén o papel perfeitamente aliñado e útil da grande imprensa a este tipo de gobernos do sistema.

 

Foto: GZFoto


Diário Liberdade é um projeto sem fins lucrativos, mas cuja atividade gera uns gastos fixos importantes em hosting, domínios, manutençom e programaçom. Com a tua ajuda, poderemos manter o projeto livre e fazê-lo crescer em conteúdos e funcionalidades.

Microdoaçom de 3 euro:

Doaçom de valor livre:

Última hora

Publicidade
Publicidade
first
  
last
 
 
start
stop

Quem somos | Info legal | Publicidade | Copyleft © 2010 Diário Liberdade.

Contacto: info [arroba] diarioliberdade.org | Telf: (+34) 717714759

Desenhado por Eledian Technology

Aviso

Bem-vind@ ao Diário Liberdade!

Para poder votar os comentários, é necessário ter registro próprio no Diário Liberdade ou logar-se.

Clique em uma das opções abaixo.