1 1 1 1 1 1 1 1 1 1 (0 Votos)

reformistasGaliza - Contrapoder - Nun ano que há ser de eleccións na Unión Europea, para a maioria das persoas Bruxelas e Estrasburgo parecen facer parte dunha especie de xeografía mítica do poder: sabemos onde están, e máis nada. Quen ordena e manda e trafica alí é un misterio tecnocrático que debe continuar escuro para mellor funcionamento deste novo superestado a camiño da Eurasia de Orwell.


Frente a isto, definir as forzas que irán postularse para liderar ou condicionar a política europea é fundamental, máis aínda se se tratar de forzas autosituadas no espectro da esquerda, con mensaxes criadas para as maiorías sociais, mais que xeran profundas dúbidas a respeito da súa liña política real. Unha desas forzas é o Partido da Esquerda Europea (EE), que vamos revisar agora, no marco do dossier Europa: futuro ou barbarie?

Que é a Esquerda Europea?

Contra o que poida parecer, a Esquerda Europea non é unha coalición de partidos e organizacións comunistas ou da esquerda alternativa. Tampouco é o mesmo que o grupo parlamentar no que se agrupa: GUE/NGL (Esquerda Unitaria Europea / Esquerda Verde Nórdica), que aglutina tamén outras forzas situadas máis á esquerda. Hoxe, a EE é un partido constituído como tal aos efeitos da Comisión Europea e financiado por ela co obxectivo de «promover a idea da integración europea», exactamente igual que o son o Partido Socialista Europeo ou o Partido Popular Europeo. De facto, dos 34 deputados e deputadas que hoxe fan parte do grupo parlamentar do GUE/NGL, apenas 16 son membros da EE.

A Esquerda Europea ten sido definida como a opción de esquerda non comunista nen alternativa. Non hai máis que deitar unha ollada para a súa composición e comprobar que a maioría de partidos comunistas europeos rexeitaron integrarse nel desde a súa fundación en 2004. O Partido Comunista Portugués, o KKE grego, o KSCM checo, o AKEL chipriota ou o PdCI italiano, ademais dos partidos comunistas alemán, luxemburgués, húngaro e eslovaco e o Partido do Traballo belga decidiron manterse á marxe, do mesmo modo que o fixeron outras organizacións da esquerda alternativa, como o finés Alianza da Esquerda, o sueco Partido da Esquerda, o Partido Socialista neerlandés ou o danés Movemento Popular contra a UE.

Quen fai parte da EE, entón? Pois, en resumo, a grega Syriza, o Bloco de Esquerdas portugués, a alemá Die Linke e partidos de antiga tradición eurocomunista que hoxe, en plena vía reformista, renegaron do socialismo como sistema: aí están o Partido Comunista Francés vía Frente da Esquerda, o Partido Comunista de España vía Esquerda Unida e o italiano Refundación Comunista.

Keynes, recuperado

Entre o 14 e o 15 de decembro do pasado 2013, tivo lugar en Madrid o IV Congreso da Esquerda Europea baixo a palabra de orde bilingüe Change Europe. La Europa del trabajo. Nel foron apresentadas as propostas da EE para as eleccións europeas, prometendo outra UE, máis estabilidade, máis harmonía interterritorial e menos loucura dos mercados e da economía.

Change Europe é, neste caso, a forma agradábel de dicer: «Reformar a Unión Europea», que é o obxectivo real deste partido, segundo se extrae dos seis pontos «humanistas» e «trans-clasistas» do documento político da EE revelados por un dos seus voceiros destacados, Pierre Laurent: 1) harmonización dos salarios cara a un salario mínimo europeo; 2) refundación do euro para pór a economia ao servizo dos pobos; 3) unha estratexia fiscal común e alternativa baseada sobre orzamentos suficientes; 4) reorientación do BCE; 5) cambios nos criterios de utilización do diñeiro por bancos e grandes grupos; e 6) criazón dunha banca pública europea.

As seis propostas económicas da Esquerda Europea soan inicialmente a solución para unha maioría social esmagada polas políticas de capitalismo feroz da troika. Na realidade, porén, ofrecen dúbidas máis do que lóxicas e consistentes. Sen ir máis lonxe, a harmonización dos salarios e o estabelecemento dun salario mínimo europeo dificilmente vai significar que a Grecia, a Romanía, a España ou Portugal vaian subir o seu salario mínimo interprofesional ao nível que está situado na Alemaña, na Franza ou noutros países da «Europa rica». Nada diso. As harmonizacións salariais sempre se fixeron á baixa (léase doutrina Bolkenstein), o que nos sitúa nun perigoso cenario de redución global do salario.

Transformando o euro en ferramenta que aglutina a Unión Europea, o recoñecemento de que se trata dunha moeda ao servizo do grande capital non serve a Tsipras (Syriza) nen a Laurent (PCF-FG) para se oporen a el e ao que representa. Ao contrario: a proposta «austeridade non, euro si» completábase con Laurent a alertar en Madrid, capital dun Estado colonial, sobre a «volta dos nacionalismos» de se disolver a Zona Euro. En resumo: reorientación si, ruptura non.

En conxunto, todas estas medidas demostran unha dirección moi precisa da proposta da Esquerda Europea: reformas moderadas do sistema para reducir a voracidade destada na última década e notadamente desde 2008, tornándoo máis humano e amábel, máis suportábel e menos censurábel — mentres a súa base esencial, explotadora, continúa adiante, só que máis lentamente. A proposta económica da Esquerda Europea non é unha proposta anticapitalista. Antes ao contrario: é a proposta dun servizo médico que recomenda repouso e moderación depois dunha enchenta indixesta.

O espectáculo debe continuar

As propostas da Esquerda Europea teñen aínda outras fendas. En varias partes do discurso, tanto Tsipras como Laurent se referen á necesidade de refundar a UE cara a un «plano máis humano» e a «criar unha Europa máis humana». Que significa isto? Ninguén o explica. Porén, non cabe dúbida de que a utilización do concepto de humanidade ten un pouso transversal que foxe deliberadamente de conceptos como a loita de clases ou como a existencia dunha contradición fundamental entre quen traballa e quen é dono dos medios de produción e se lucra co traballo doutras e doutros.

Como conseguir, en todo caso, esa Europa ré-humanizada? A Esquerda Europea ten entre os seus aliados a rede sindical europea CES, cuxo presidente é Ignacio Fernández Toxo, secretario de CC.OO., e cuxa secretaria, Bernadette Ségol, xamais se afiliou a un sindicato. Tanto a CES como a EE rexeitan o concepto de oposición activa ou loita e apostan pola negociación cos poderes económicos, a taxa Tobin, os euro-bonos e outros mecanismos de maquillaxe. Non só: Tsipras, como figura emerxente da política grega tense reunido desde 2012 coa maioría das e dos dirixentes da UE ultracapitalista afirmando, literal e publicamente, «non ser perigoso».

Non cabe dúbida de que a aposta da Esquerda Europea é pola Unión Europea. Talvez unha UE menos acelerada no seu avanzo polo camiño do ultracapitalismo, mais capitalista sen dúbida, no fin das contas. E tampouco cabe dúbida de que o papel dun partido como EE, ou de partidos e coalicións como Syriza ou IU é o de frear as loitas que o canibalismo da troika desata por toda a Europa, ofrecendo unha vía pacífica e controlábel de oposición burocratizada e, en grande medida, ineficaz para conseguir os obxectivos que di perseguir.


Diário Liberdade é um projeto sem fins lucrativos, mas cuja atividade gera uns gastos fixos importantes em hosting, domínios, manutençom e programaçom. Com a tua ajuda, poderemos manter o projeto livre e fazê-lo crescer em conteúdos e funcionalidades.

Microdoaçom de 3 euro:

Doaçom de valor livre:

Última hora

Publicidade
Publicidade
first
  
last
 
 
start
stop

Quem somos | Info legal | Publicidade | Copyleft © 2010 Diário Liberdade.

Contacto: info [arroba] diarioliberdade.org | Telf: (+34) 717714759

Desenhado por Eledian Technology

Aviso

Bem-vind@ ao Diário Liberdade!

Para poder votar os comentários, é necessário ter registro próprio no Diário Liberdade ou logar-se.

Clique em uma das opções abaixo.