1 1 1 1 1 1 1 1 1 1 (3 Votos)

070912 syrizareiUm país em lata - [Fran P. Lorenzo] Pasaba nos tempos de estudante, en Compostela. Dabas unha festa na casa, abríanse as portas dun piso calquera de República Arxentina ou Fernando III O Santo (as rúas do Ensanche de Santiago alternan a vocación santa coa republicana) e aquilo petaba en cuestión de horas.


"Si si, que veñan, dille a fulanito/fulanita que se achegue tamén, si, sen problema...". Non había móbiles daquela, así que os preavisos e as alertas protocolarias nin se contemplaban, moito menos os whatsapps. E todo era espontáneo, in progress, excitante por momentos, porque deses contubernios de xente descoñecida e pouco afín -estimulados convenientemente polo bruído da música e o alcol de supermercado- abrollaban conversas gloriosas, encontros intelectuais inopinados e romances surrealistas ou definitivos. En certa maneira eses encontros eran vibrantes e liberadores. E eran reais no xusto momento no que acontecían. Até que no intre máis luminoso e desfasado do convivio chegaba a pasma, alertada polos veciños e en tres minutos toda aquela súpeta harmonía diluíase xa no portal do edificio ou de camiño cara ao bareto máis cercano, nunha beirarrúa orlada de vómitos e hostes noctívagas. Agora, cando asisto ao proceso de formación da autodenominada Syriza galega vénme á cabeza a imaxe daqueles anfitrións xenerosos e despreocupados que eramos, flipando coa biodiversidade da nosa convocatoria e mesmo orgullosos do laboratorio social que construiramos cun simple chamado ao divertimento e á unidade.

Esta metáfora resesa que acabo de empregar non pretende ser nin sequera unha advertencia de nada. Non son quen. Son un cidadán-votante que observa como os límites da festa da Syriza galega, o Syrizar, syrizarei, medran de xeito galáctico até formacións como os verdidemócratas centralistas de Equo, tan alleos eles a esa cosa del gallego, e que na súa asemblea nacional (española) do pasado xullo decidiron rexeitar o carácter plurinacional do Estado español (!!!) e votaron en contra do dereito de autodeterminación dos pobos (!!!!!). Claro, é un exemplo, non fai proba. Non é xusto xulgar o todo polas partes. Pero do que si fai proba, alomenos para min, é de que o nexo ideolóxico non é o que alenta esta ensamblaxe que Beiras xa cualificou de "bomba electoral", igual á "bomba" que vai ser, en palabras do conselleiro Vázquez, a cifra de visitantes á exposición Gallaecia Petrea no Gaiás. A bomba, para min, é ver xuntos, todos metidos nun bote, a sectores do españolismo progre (é un dicir) con sectores da socialdemocracia galeguista -se é que se confirma o ingreso de CxG ou parte de CxG- e mesmo do Partido Humanista, que anda a votar agora a súa participación no proxecto. A bomba é velos, xa digo, voga voga mariñeiro e ter que asumir, pola vía da urxencia, postulados que en ningún caso (centro galeguista, nacionalismo español e friquismo esotérico) son afíns á miña visión deste país e dos seus problemas, por moito que leven na súa finalidade última desmontaren o goberno de Feijóo. U-lo límite? Haino?

Moitas e moitos dos integrantes da Syriza galega -a etiqueta triunfou, todo hai que dicilo- considéroos mesmo amigos e compañeiros de traxecto pero iso non me afasta da estupefacción dunha alianza que alguén xa tivo a tentación de tildar de Frente Popular, coma a de 1936. Nin a situación é a mesma, nin as ameazas teñen nada a ver, nin toda a frivolidade do mundo abondaría para establecer tal comparanza. Poida que a idade, isto é así, me volvera máis dogmático e monolítico, que as miñas festas agora sexan menos inclusivas, anque tan precarias como as do tempo da carreira. Que sobrepoña a ideoloxía -unha vaga e crecente adhesión ao independentismo e unha rexenerada fe no marxismo- ao resto de cousas. E que agora non me dea todo tan igual como antes. O caso é que recordo aquela festa, no número 7 de Santiago de Chile, hai vinte anos. Recordo que había un tipo de Oklahoma City esbardallando sobre a guerra do Golfo, militantes do independentismo, hippies, adictos a moitas cousas, galego falantes, castelán falantes, estudantes vindos da cidade ou da aldea e en xeral aspirantes a sermos algo, na vida ou onde fora. Igual sonaba La Polla Records, que Kiko Veneno, que Carlos Puebla que The Doors. Bebiamos licor café e DYC con cola. Estabamos ben, a gusto. A festa era unha bomba, de feito, até que chegou a pasma, mandando a parar coa máquina de decibelios e pedindo DNIs. A diferenza substancial é que daquela marchabamos pra fóra, coa nosa moña e a nosa egolatría, ao Superfuzz ou ao Nao Berlín e non todos xuntos en asemblea, como alternativa política para a rexeneración dun país.


Diário Liberdade é um projeto sem fins lucrativos, mas cuja atividade gera uns gastos fixos importantes em hosting, domínios, manutençom e programaçom. Com a tua ajuda, poderemos manter o projeto livre e fazê-lo crescer em conteúdos e funcionalidades.

Microdoaçom de 3 euro:

Doaçom de valor livre:

Última hora

Publicidade
Publicidade
first
  
last
 
 
start
stop

Quem somos | Info legal | Publicidade | Copyleft © 2010 Diário Liberdade.

Contacto: info [arroba] diarioliberdade.org | Telf: (+34) 717714759

Desenhado por Eledian Technology

Aviso

Bem-vind@ ao Diário Liberdade!

Para poder votar os comentários, é necessário ter registro próprio no Diário Liberdade ou logar-se.

Clique em uma das opções abaixo.