Durante as glaciacións e noutros períodos fríos, as augas profundas do Atlántico deixaron de formarse ou minguou a súa presenza ante a chegada aos fondos mariños das correntes da Antártida, ricas en CO2 e moi ácidas e agresivas. As razóns de como se producíu este xogo, a que profundidade afectou e con que intensidade, aínda non están suficientemente claras, “por iso pretendemos coñecer cales foron os mecanismos que actuaron para cambiar as propiedades das masas de auga e a que ritmo o fixeron” indica Guillermo Francés. Por esta razón, nesta fase as investigacións centraranse no efecto da acidificación sobre os microorganismos calcáreos do plancto, xa que os sedimentos oceanográficos profundos constitúen un elemento clave para reconstruír como evolucionou o funcionamento dos océanos e o clima terrestre. Estas investigacións complementaranse cos resultados da primeira fase da campaña, dirixida por Aida Fernández do IIM-CSIC e que estivo centrada no estudo da columna de auga do Atlántico Norte en mais de 100 puntos para cuantificar canto CO2 antropoxénico, derivado da queima masiva de combustibles fósiles, absorbe o océano.
Predicir o futuro climático a través do pasado
Nun momento no que estamos inmersos nun intenso cambio global en gran medida causado polos humanos”, faise necesario estudar como cambia o sistema “para poder cuantificar que parte do cambio actual se debe a causas naturais e que parte a causas antrópicas”, asegura Francés. O principal problema que existe é que parte dese CO2 antropoxénico emitido a atmosfera está sendo absorbido polo océano, derivando nun aumento considerable dos niveis de acidificación dos mesmos e “facendo que moitos grupos de organismos que xeran as súas cunchas con bicarbonato clásico, que se disolve dun xeito sinxelo nun entorno ácido, comecen a ter problemas para a súa reprodución e desenvolvemento”, indica Francés.
Tendo en conta esta situación, “con este estudo pretendemos recuperar catro ou cinco sondaxes de lonxitude suficiente cos que poidamos remontarnos ao último período interglaciar, fai 120.000 anos, porque supón chegar a un período con características climáticas semellantes as actuais pero cunha influencia humana nula” o que permitirá facer comparacións con épocas análogas e “establecer modelos de evolución”, explica o investigador.
Traballo de laboratorio
Unha vez recollidas as mostras realizarase a análise de diversos indicadores sedimentarios, paleoclimáticos, paleoceanográficos e xeoquímicos con técnicas moi variadas que nos revelarán os cambios que sufriron as masas de auga atlánticas durante as últimas decenas de miles de anos. Concretamente, a investigación centrarase no estudo dos microfósiles, isótopos estables de osíxeno e carbono do carbonato das cunchas, as características dos sedimentos e outras variables presentes na sondaxe e que “nos poden dar as claves sobre os períodos nos que mellor se preservaron as cunchas e nos que aparecen totalmente disoltos, revelándonos polo tanto os diferentes graos de calcificación da auga”, puntualiza o coordinador da campaña.
Unha oportunidade para novos investigadores
Tendo en conta que participar nunha campaña destas características é unha grande oportunidade para aquelas persoas que están comezando a súa carreira investigadora, o oceanográfico Sarmiento de Gamboa contará con tres tripulantes que estudan Ciencias do Mar na Universidade. “Nesta fase da campaña a maioría dos investigadores tamén somos docentes que consideramos que temos un compromiso cos nosos estudantes, xa que para eles é unha forma para adquirir unha formación e experiencia de gran valor, e non hai demasiadas oportunidades”, conclúe Francés.