Con esa ilusión, pero co coñecemento de quen eran e de onde viñan os promotores do proxecto, tentamos aportar o noso gran de area.
A idea de construír desde abaixo, nas asembleas, unha nova forza política para este país e que agrupara a un gran número de persoas e organizacións dispersas xeográfica e politicamente só se podía dar co consenso e a xenerosidade de todos e todas, deixando atrás as formas autoritarias e a imposición de ideas e nomes.
O resultado da elaboración dos documentos para debater na asemblea nacional reflectían esta nova forma de facer e este espírito de colaboración, fixando uns principios asumíbeis polas persoas participantes nas asembleas. Pero estes principios de horizontalidade, democracia, ética ou asemblearismo, son na práctica verbas ocas que non se corresponden coas formas que internamente se están desenvolvendo no NPC. Fica claro que tantos anos no BNG deixaron unha pegada difícil de borrar. As prácticas que alí se daban, e se dan, non eran exclusivas dos que se quedaron.
Esta falta de democracia e transparencia quedou ben clara no proceso de elaboración da "lista de consenso" para os órganos de dirección do NPC. A esa comisión chegaron os membros/as de Encontro Irmandiño cunha lista fechada e cociñada por eles. A esa comisión non chegaron todos os nomes propostos polas distintas asembleas locais e comarcais, producíndose na práctica un golpe de man por parte de EI.
O Colectivo Nacionalista de Marín non vai ser cómplice nin vai avalar estas prácticas. Entendemos que deste xeito a construción do NPC está viciada desde antes da súa constitución formal e o que vai nacer non é máis que unha fotocopia do BNG cun Encontro Irmandiño que pretende asumir o papel de UPG. Estamos polo tanto ante o nacemento dunha nova marca electoral que non terá máis percorrido que o de tentar formar parte do entramado institucional do estado español, sendo a súa máxima aspiración presentarse ás eleccións.
Somos conscientes de que outras organizacións e moitas persoas decidiron ficar a colaborar neste proxecto, sabemos que están dispostas a traballar por este país, así acontece en Marín e no Morrazo, e independentemente desta decisión que vimos de tomar, seguiremos a traballar e colaborar nos ámbitos nos que hoxe xa coincidimos.
Nas actuais circunstancias o que Galiza necesita é un proxecto baseado na xenerosidade, a transparencia e a claridade de ideas, un proxecto no que o pobo galego poida confiar e sentirse partícipe. Nós seguiremos traballando e confiando en que máis cedo que tarde xurda o instrumento político para a liberación nacional.
Marín, 14 de Xullo de 2012.




Diário Liberdade defende a discussom política livre, aberta e fraterna entre as pessoas e as correntes que fam parte da esquerda revolucionária. Porém, nestas páginas nom tenhem cabimento o ataque às entidades ou às pessoas nem o insulto como alegados argumentos. Os comentários serám geridos e, no seu caso, eliminados, consoante esses critérios.