E de afirmación na idea de que mentres non alcancemos a independencia nacional e consigamos a mudanza de modelo socioeconómico simplemente estaremos a parchear as herdanzas do franquismo.
Neste 2012 enfrontámonos a novos retos. A aprobación da reforma laboral por parte do Partido Popular fai que os mecanismos que até o día de hoxe tiña á súa disposición o sindicalismo nacionalista para defender os intereses da clase traballadora se encontren plenamente obsoletos. Estamos diante dun retroceso histórico sen precedentes, que na práctica significa a ruptura do pacto social. Nunca antes estivemos tan desprotexidos diante dos excesos da patronal e do goberno, nunca antes tivemos neste país tantos parados e paradas, hoxe despois de practicamente un século a mocidade pensa de novo en coller as maletas para buscar un futuro fóra da Galiza mentres que en Madrid se nacionaliza a débeda privada de Bankia. Esta é sen lugar a dúbidas a herdanza que nos deixa Núñez Feijóo, que pasará á historia deste pais por intentar prohibir a gran manifestación nacional polo galego o pasado Día das Letras.
Perante un momento como este, desde o MpB consideramos que é necesario unha ampla mobilización popular o vindeiro Día da Patria. Propoñemos a lexitimidade dunha Comisión que se encargue de elaborar unha proposta claramente soberanista e de esquerdas, para visualizar unha realidade que baixo o noso punto de vista existe en boa parte das comarcas deste país: a construción nacional e social desde a base, a apertura de novos Centros Sociais, o traballo sindical da militancia independentista, entre outras moitas formas de activismo social e político.
A Comisión do Día da Patria que propoñemos tería un percorrido limitado, nela participarían militantes respectados por todo o soberanismo e tería que contar co compromiso e a lealdade de todas as correntes independentistas para que a data fose un éxito. Xa adiantamos que a nosa organización non está interesada en participar en ningunha manifestación de parte. Neste marco o MpB considera totalmente secundario a visualización das súas siglas para conseguir este obxectivo, pero tampouco ten inconveniente en aceptar que na grande manifestación que queremos se leven faixas e emblemas partidarios, se así conseguimos que se adhira todo o mundo.
Entendemos que independentemente das disputas e das lexítimas discrepancias partidarias, temos a responsabilidade de visualizar a existencia dun polo soberanista e de esquerdas neste país.
Coordinadora Nacional do MpB


