Os posicionamentos da FPG e de Causa Galiza coincidem no apoio ao modelo defendido pola organizaçom liderada por Xosé Manuel Beiras, que reivindica o assemblearismo, frente à proposta das correntes mais direitistas, representadas por Mais Galiza, Açom Galega e EcoGaleguistas, que já avançárom num acordo político e programático de cara à unidade orgánica.
Apresentamos a seguir o comunicado do Encontro Irmandinho e, mais abaixo, os da FPG e Causa Galiza.
Encontro Irmadinho
EI propón un proceso incluinte
O Encontro Irmandiño tivo hoxe un contacto para intercambio de opinións sobre a marcha do NPC con Acción Galega, +Galiza e Ecogaleguistas. O EI reiterou nel que o carácter deses contactos non deben interferir no proceso de construción que debe ser de abaixo cara arriba para facer algo novo, participado e útil. Non podemos caer en vellos modos substituíndo a participación directa da cidadanía.
Neste sentido o Encontro Irmandiño propuxo aos outros grupos a implicación de todos eles nun esforzo de participación coas militancias respectivas na construción deste novo referente político pola base, integrándose a título individual nas asembleas que en número de máis de 25 xa están constituídas ao longo e ancho do País.
Porque estamos convencidos de que nin os catro grupos hoxe reunidos nin con todos os outros grupos que se teñen manifestado a prol do NPC, representamos a toda a cidadanía disposta a participar na súa construción e porque non podemos aceptar acordos excluíntes é polo que afirmamos que son as asembleas, onde cada persoa ten un voto, o mellor espazo para dialogar e acordar, aínda desde puntos de partida diferentes, o que nos une que non é outra cousa que a defensa da nosa nación e dos dereitos e benestar da súa cidadanía.
O EI propuxo aos outros grupos agardar que se formulen dende as asembleas propostas de definición e de programas para que o proceso sexa de baixo cara arriba e a iniciativa sexa dos cidadáns e non dunha cúpula excluínte de partidos. Este proceso estímase que no prazo dun mes daría unha proposta avalada polas asembleas e elaborada nunha coordinación nacional como xa están a demandar moitas delas.
FPG
A Conferencia Nacional ante o proceso constituínte dun novo referente político
O pasado sábado 12 de maio tivo lugar en Redondela unha Conferencia Nacional da Frente Popular Galega na que saíu reforzada a aposta pola construción dun novo referente político amplo en defensa dos interes das clases populares galegas. A nosa militancia recoñeceu a validez da proposta dos grupos comarcais e locais de base arredor do que se vén chamando "Novo Proxecto Común" e adquiriu o compromiso de participar de xeito democrático e construtivo nas asembleas abertas, considerándoas a garantía da representatividade para esta nova ferramenta que habemos de artellar entre todas e todos.
A única opción para que o novo proxecto sexa algo novo, unha alternativa real e representativa para as clases traballadoras e a sociedade galega, é que xurda en contacto coa cidadanía e a militancia de base. O outro camiño, o de prefabricar o proxecto a porta pechada, é máis do mesmo, repetirmos erros e esquemas dos que a sociedade xa comeza a manifestar o seu distanciamento e rexeitamento.
Así mesmo, a FPG, consciente da necesaria pluralidade de voces que ten de haber no novo proxecto, anima a todas as forzas políticas, movementos sociais e activistas individuais con sensibilidade de esquerda transformadora, a achegar a súa visión aos grupos de base, enriquecendo e fortalecendo a loita en prol dun novo modelo económico e social para o noso pobo.
Causa Galiza
Causa Galiza ante o "acordo político e programático" anunciado por +GZ, AG e EcoGal
A xestación dun Novo Proxecto Común (NPC) baixo parámetros nacionalistas e de esquerdas suscitou expectativas en sectores do corpo social nacionalista farto de entreguismos e esquizofrenias entre discurso político e praxe cotidiana. Xusto é recoñecer que estas se viron acompañadas tamén de temores e preocupacións debidas ás contradicións evidentes que subxacían, e subxacen, ao citado proceso.
Ante o anuncio de que tres axentes políticos implicados na xestación do NPC aprobaron á marxe da dinámica asemblear un "acordo político e programático", e como iniciativa que participa nos procesos de debate en curso, Causa Galiza quere afirmar estas tres cuestións:
1ª Valoramos o citado anuncio como unha negativa dos seus asinantes a se submeteren ás decisións e acordos adoptados nas asembleas nacionalistas de base, así como a evidencia de que consideran máis relevantes as expectativas electoralistas de curto prazo que a propia definición dun proxecto útil para o país, fundamentado sobre diagnósticos e estratexias claras e cimentado sobre un proceso previo de debate colectivo. As presas e as pulsións electoralistas nos procesos de construción política son pésimas conselleiras
2ª Causa Galiza convida á militancia implicada no proceso a constituir e afortalar as Asembleas Nacionalistas de Base en todo o territorio, a avanzar na súa coordenación territorial e a facer delas auténticos órganos soberanos de debate e decisión que diagnostiquen a situación actual do país, definan os obxectivos estratéxicos do NPC e arbitren os medios e estratexias necesarias para alcanzalos.
3ª Causa Galiza mantense no proceso de debate. Achamos que nel é posíbel perfilar, sen prexuízos, esixencias apriorísticas, nen urxencias fiticias, un proxecto político con vocación hexemónica, que combine loita ideolóxica, institucional e de masas e se sitúe nos parámetros estratéxicos da superación do antidemocrático cadro constitucional, recoñecemento do dereito de autodeterminación e defensa da via independentista como única desexábel e posíbel para materializar os dereitos nacionais e mudar as condicións de vida da maioría social galega. Neste sentido, presentamos o día 14 a proposta Bases para a constitución dun Novo Proxecto Común para a liberación nacional e social da Galiza que é un compendio de análises e principios transparentes que propomos á militancia comprometida co proceso en curso.

