Sería un acto de ignorancia e covardía non enmarcar este acto noxento dentro do auxe do fascismo en toda Europa, tanto no eido parlamentar (o caso máis claro é o de Mencer Dourado en Grecia ou Democracia Nacional e España 2000 no Estado español) coma no social e estudantil (sindicatos coma Respuesta Estudiantil), propiciado pola situación de crise económica e do que, por non ser combatido coa contundencia precisa, por non teren aprendido ou non querer ter aprendido de tempos pasados, culpamos tamén aos diferentes gobernos do continente. Mais non é so inactividade, non podemos evitar ollar a criminalización da loita obreira, non podemos obviar a represión do estado burgués ante as protestas do pobo, non podemos esquecer como se nos tacha de todos os males habidos e por haber, do mesmo xeito que non podemos esquecer que se nos sinale -con maior ou menor descaro- coma obxectivo dos ataques destes grupúsculos fascistas dende medios de comunicacións ou mesmo dende institucións ou cargos públicos. Sabemos que, en última instancia, aqueles que sementan miseria (a Troika, os diferentes gobernos títeres do capital... en definitiva, os perpetuadores da opresión do pobo traballador), son tamén culpábeis deste crime. Sabemos tamén que sucesos coma este son froito do medo que comezan a sentir os opresores ante o espertar das oprimidas, e é que, como dixera Bertolt Brecht, "non hai nada máis parecido a un fascista que un burgués amedrentado".
Non deixaremos de facer mención á suposta pertenza dos asasinos á JNR (Jeunesses Nationalistes Revolucionais, grupo neonazi presente na Francia e admirador do fascismo italiano ou do falanxismo español), nin ao Front National (partido de ultradereita que non fai senón incrementar o odio reacionario).
Condenamos, así mesmo, a indiferenza daqueles que decidan ignorar a situación, porque coidamos que non han ser menos responsábeis que os que a propician ou a levan a cabo. Non cabe cruzarse de brazos ante actos que agreden frontalmente a loita pola dignidade das persoas, non cabe ficar quedas ante a inxustiza e a brutalidade, non cabe, e non merece respecto algún, ignorar que ao fascismo hai que combatelo día a día e hai que evitar que medre. Dende ADIANTE, a mocidade comunista pola independencia de Galiza, condenamos con toda a nosa rabia o crime perpetrado por ese grupo de fascistas, así coma a culpa daqueles que propician o auxe do fascismo. Lamentamos a morte de Clément coma se fose unha de nós, xa que a loita é a mesma, e esforzámonos en repudiar aquilo contra o que combateu.
Así como agardamos que se faga xustiza, cómpre dicir que non temos moita confianza nisto en base a casos previos semellantes, xa que as diferenzas entre as condenas ás forzas de esquerda e as condenas aos fascistas son notorias.
Clément Maric, desgraciadamente, fica xa como mártir da loita antifascista, acompañando nesta triste lista a outros coma Carlos Palomino ou Guillem Agulló, vítimas tamén dos fillos do capitalismo. A loita segue e é o único camiño, camiño no que sempre levaremos ás caídas na memoria. Nin olvido nin perdón.
VIVA A LOITA ANTIFASCISTA!
Poderán cortar todas as flores, pero non poderá deter a primavera! (P. Neruda)

