1 1 1 1 1 1 1 1 1 1 (1 Votos)

251212 tannusGaliza - Dioivo - [Montse do Pico] ‘Son Brasilego’ non é só unha proba máis da afinidade cultural entre Galiza e Brasil.


O segundo disco de Sérgio Tannus é un percorrido polos seis anos de traballo que este músico brasileiro realizou desde que chegou a Compostela no 2006. Un tempo cheo de proxectos, de ilusións e, sobre todo, de encontros nos que a enerxía, a alegría e a emoción nunca faltaron. E iso é o que reflicte o CD, que conta con máis de 40 colaboradores. 

O disco é como un percorrido polo teu traballo dos últimos anos: Brasileg@s, CoraSons, Cantos na Maré...

Si. O CD é unha celebración destes 6 anos de convivencia, desde que vivo en Santiago. No disco hai moitas persoas coas que toquei, outros que son amigos... O certo é que fun atopándome con xente moi interesante e quixen xuntalos a todos e que, en lugar de colaborar eu con eles como músico, colaborasen eles comigo, no meu propio disco. Esa é a idea. 

Hai no disco estilos distintos, moitas voces diferentes...

A verdade é que eu son moi “multi”: multiinstrumentista e multiestilo... E ademais en ‘Son Brasilego’ son compositor. Uns temas son máis cañeiros e outros máis calmados, e o feito de contar con tanta xente axudou a reforzar isto. Porque, para cada canción, pensaba quen podía ser o colaborador ou colaboradora que máis se axustase ao perfil. Non quixen forzar nada, senón procurar para cada tema a persoa que mellor puidera cantalo. Cando lle propuxen, por exemplo, a Xabier Díaz cantar ‘Setembro’, dixo que si, que a canción estaba na súa onda... Do mesmo xeito que a voz tan forte de Ugía Pedreira é moi axeitada para ‘Outros quereres’...

Algúns temas xa os interpretaches moitas veces e mesmo están recollidos noutros discos, como ‘Magnético Zen’, do segundo traballo de Xoán Curiel, ou ‘Quem disse’, que fas con Aline...

‘Magnético Zen’ é unha canción que compuxemos Xoán e eu, si. En ‘Son Brasilego’ a versión que recollo é distinta da do disco de Xoán. No meu CD é máis lenta, máis forró... É un tema que fala da fin do mundo con ironía e optimismo: a ver se o mundo acaba nunha danza... ‘Quem disse’ non chegou a ir no disco de Aline porque non deu tempo, pero si a fixemos xuntos moitas veces, como no concerto de presentación de ‘Clave Bantu’. En ‘Son Brasilego’ leva a percusión de Isaac Palacín, ademais. 

Se cadra o tema ‘Eu tô alegre’ condensa ben o sentido xeral do disco: alegría, enerxía e forza.

Todas as letras falan de algo positivo, é certo. A min non me saen letras atormentadas! E esa canción que dis reflicte a actitude que tento ter na vida: alegría sempre, aínda que ande estropeado. Hai algo que me pasou moitas veces, que é que me din que a miña alegría non pode ser natural, que non podo sentirme así sempre, que ten que ser falsa. E eu dígolles que é cuestión de actitude, que como di a letra ‘Não vou deixar calar o meu tamborím’. E así é: quixen facer un CD alegre, optimista e divertido. 

O disco ten, ao mesmo tempo, bastante que ver co proxecto ‘Brasileg@s’, que compartías con Uxía e Fred Martins.

Cando estabamos con ‘Brasileg@s’ eu xa tiña o proxecto de gravar un CD. Ese proxecto como “a proba” desa mestura entre a música galega e a brasileira. E un pouco a partir de aí foi madurando a idea. Tamén coas actuacións no Borriquita de Belem. Eu non vin aquí coa idea de facer só música brasileira, senón que quería aprender, intercambiar. Claro que como instrumentista quería ver un galego tocando samba, pero eu tamén quería tocar música galega, e probar coa mestura. Neste CD asumo unha responsabilidade máis, que é a de ser o protagonista, no sentido de que non son xa músico acompañante, senón que me acompañan a min, como che dicía antes. De todos os xeitos, neste CD non é só música brasileira e galega. Quixen abrir o leque dentro da lusofonía. De Portugal están Zambujo e Carlos do Carmo, de África está Aline... Por iso é máis ben un proxecto “luso-afro-brasilego”. 

En realidade é, podería dicirse, o teu segundo disco, despois de ‘Múltiplos Caminhos’. 

‘Múltiplos Caminhos’ graveino todo eu só na casa e quedou ben, pero ‘Son Brasilego’ é un traballo moito máis completo. Por iso poderiamos chamarlle o primeiro, nun sentido “institucional”: quero dicir, un traballo moito máis complexo no que colaboraron máis de 40 persoas. Gravamos as bases Serginho Sales, Paulo Silva e eu, e despois fomos engadindo toda as colaboracións. Estoulle moi agradecido ademais a Inés Portela polo seu traballo de coordinación e produción, ao equipo de Fol Música, a Jéssica Beiroa pola súa axuda con prensa... 

Realizaches unha campaña de crowfounding para financiar o CD. Como foi?

Pois foi ben. Nun principio non tan ben, pero este tipo de campañas son así, e eu sabía que ao final o iamos conseguir. Estou moi feliz, a verdade. 

Hai unha gaita moi sorprendente e que queda moi ben en ‘Vó Genézia’, o tema de Jakaré García...

É un forró que é unha boa proba dos bos resultados da mestura. Do mesmo xeito que funciona moi ben a zanfona de Óscar Fernández en ‘Outros quereres’, por exemplo. Foi moi interesante e moi divertido facer estas mesturas. Outro bo exemplo é ‘Patê’, coas guitarras eléctricas e a voz de Narf. En realidade cada tema ten a súa historia. Algúns son xa do 98, outros compúxenos hai pouco máis dun ano... 

Teño favoritos, como ‘Setembro’ e ‘Momentos’. 

Eu creo que ‘Setembro’ é a canción que máis se vai escoitar na radio e que vai ser un pouco como a carta de presentación do CD. Uxía tamén o pensa. E non o digo porque o cante Xabier Díaz ou porque están Guillerme Fernández e Pedro Pascual, que tamén. É porque é un tema romántico, lindo... ‘Momentos’, que ten a Emilio Rúa como cantante, é un tema moi especial, porque fala, precisamente, do meu primeiro contacto con Galiza. Coñecín no 2006 en Niterói a Pepe Sendón, Narf e Marcos Teira. En só dúas semanas fixémonos amigos, e cando marcharon escribín esta canción. Toda aquela afinidade de lingua, de cultura, todas aquelas emocións compartidas... Eles dixéronme que tiña que ir a Galiza, e aquí estou despois de seis anos. Foi como unha profecía.

Pégalle moito a Luanda Cozetti o tema do que falabamos antes, ‘Eu tô alegre’. 

Xa dicía ela “esta música é miña!”. Ela é así, tan alegre como a canción. Sempre me di que a ela tamén lle pasa iso de que lle digan que a súa alegría ten que ser falsa. O tema é tamén unha chamada de atención, para que non deixemos calar o tamborim... Tamén ten moita potencia ‘Outros quereres’, coa voz de Ugia Pedreira. É unha canción que Ugia xa coñecía e que lle gustaba. Fala un pouco da atracción entre opostos. ‘Patê’ é o tema máis pop, coas voces de Narf e Najla. ‘Beethoven tinha razão’ é de Raul Menezes, e representa a retranca brasileira, coa súa letra tan irónica sobre o talento. Ademais, é o primeiro samba que canta Zambujo. ‘Água quentinha’ é unha nana, e na voz só podía estar Ceumar, que ademais fai todos os sons acuáticos que se escoitan. En ‘Vó Genézia’ canta Paulo Silva, que ten moi boa voz. 

‘Choro Alegre’ é un tema que fas bastante, tamén. Non lembro se no CoraSons ou en Cantos na Maré. 

Ese tema é, si, dos máis antigos. Seguro que me viches cantalo con Uxía. Cando convidei a Carlos do Carmo a cantalo para ‘Son Brasilego’, levei ademais unha sorpresa, que é que Uxía e Carlos nunca gravaran xuntos. E foi un regalo que o fixesen por primeira vez para o meu CD. Tamén ‘100%’ é un tema especial. Cántano Sonia Lebedynski e João Afonso, e é a mesma idea: unha galega e un portugués. A letra fala de algo que di sempre Uxía, que é que os brasileiros facemos as cousas ao 100 por 100. ‘Cavaco com Pulover’ conta unha historia real, que é a dun brasileiro que vai tocar a Alemaña só cun xersei e, claro, pasa frío. O brasileiro que non pensara no frío que fai en Europa son eu... Carlos Blanco dálle ao tema aínda moito máis humor... 

Todo o disco é, tamén, claro, como di o título, unha celebración do encontro cultural entre Galiza e Brasil. Porque son moitas as afinidades...

Como che comentaba antes, non tiven que forzar nada porque ese encontro prodúcese de xeito natural. E eu decateime cando me encontrei con Narf, con Pepe e con Marcos no Brasil, ou pola relación que teño con esa gran amiga que é Uxía. Moitos instrumentos galegos, como a zanfona ou as cunchas, encaixan moi ben coa música brasileira...

Falando de instrumentos: tocas de todo. Guitarra, baixo, cavaquinho, bandolín, percusión... o que che boten. 

Si, toco moitos instrumentos sempre. E a verdade é que o CD soa moi ben, malia estar gravado na casa, no meu estudo. Os colaboradores non gravaron todos en Galiza, claro. Gravaron desde Lisboa, por exemplo. Mesturei coa axuda de Isaac Palacín, e masterizamos no Brasil, no Estudio Batmastersom, o mesmo que o de ‘Meu canto’ de Uxía. 

Di Xoán Curiel que galegos e brasileiros se complementan no carácter. Que pensas ti?

Pois si que pode ser unha cuestión de carácter, si. A retranca é distinta, pero o bo humor é o mesmo... Cheguei aquí con interese en aprender, e a mestura xurdiu de xeito natural, porque o encontro entre a cultura galega e a portuguesa prodúcese de xeito natural. Só houbo que realzar as afinidades que xa había. A lingua axuda moito, porque galegos e brasileiros entendémonos sen problemas. Eu falo moito de Galiza cando vou ao Brasil, porque alí non saben da nosa proximidade, e só coñecen a versión oficial sobre a orixe da súa lingua. Eu explícolles que naceu en Galiza, moito antes do que lles contaron... 

Queres resumir o sentido do disco en dúas frases?

Pois ‘Son Brasilego’ é a proba de que, cando se fan as cousas de corazón, funcionan. Cando comecei co proxecto parecía imposible: xuntar a tanta xente, a músicos tan importantes.. Eu dicía que si podería, e así foi.

Foto: Sérgio Tannus Trío


Diário Liberdade é um projeto sem fins lucrativos, mas cuja atividade gera uns gastos fixos importantes em hosting, domínios, manutençom e programaçom. Com a tua ajuda, poderemos manter o projeto livre e fazê-lo crescer em conteúdos e funcionalidades.

Microdoaçom de 3 euro:

Doaçom de valor livre:

Última hora

Quem somos | Info legal | Publicidade | Copyleft © 2010 Diário Liberdade.

Contacto: info [arroba] diarioliberdade.org | Telf: (+34) 717714759

Desenhado por Eledian Technology

Aviso

Bem-vind@ ao Diário Liberdade!

Para poder votar os comentários, é necessário ter registro próprio no Diário Liberdade ou logar-se.

Clique em uma das opções abaixo.