1 1 1 1 1 1 1 1 1 1 (0 Votos)

100514 rodri jornalista bravuGaliza - Sermos Galiza - [Olalha Rodil] Nom temos medo nom é umha legenda eleitoral agora que estamos em campanha. Mas bem podia sê-lo.


É o título da biografia oral que o jornalista Rodri Suárez fijo da mítica banda bravu Os Diplomáticos de Monte Alto. Um livro que está desde sexta-feira na rua e que será apresentado na Sala Mardi Grass, na Corunha, o dia 28 de maio.

 O rock bravu está de aniversário. Completam-se duas décadas do nascimento daquele movimento cultural que marcou as vidas de umha geraçom de galegas e galegos. Vaia por diante dizer que também a de quem assina estas linhas. Muitos fôrom os nomes das bandas que situárom a música bravu no epicentro da Galiza de finais dos 80 e começos dos 90, mas de entre todas elas Os Diplomáticos de Monte Alto tenhem um assento nas primeiras cadeiras. 

Agora, um livro homenageia esta banda corunhesa, de bairro operário, guitarra elétrica e arcordeom. O jornalista Rodri Suárez -colaborador de Sermos Galiza- assina Nom temos medo. História oral dos Diplomáticos. Umha olhada pessoal e jornalística arredor daqueles tempos, aqueles anos e aquelas festas.

Fam-se vinte anos de rock bravu e a ti dá-che por publicar umha biografia de um dos grupos referênciais deste movimento, por quê?

Suponho que existia umha coerência que havia que encarar. Se há vinte anos o que aconteceu foi que estoupou o rock em galego, que nom estava no guiom mas supujo umha pequena ou mais bem grande revoluçom cultural, pois agora eu como jornalista mas, sobretodo, como consumidor de livros sobre rock, pois via que podia topar dúzias de referências sobre os Rolling Stones ou Metallica, ou mesmo sobre os putos Mecano, mas do que aconteceu aqui, do que juntava e ainda junta a milhares de pessoas a cantarem em chave rock sobre um de Finisterra que inventou o matraquilhos, nom havia nada. Daquela um descobre que ainda ficam tabus por rachar, como há vinte anos. E um deles seica é que os grupos do nosso rock nom tenhem valor como para merecer um livro, quando eles som do mais relevante que aconteceu neste país nas últimas décadas. Nom quero ficar de túzaro, mas algo sou, e por isso acho que é umha anomalia que nestes dias um poda ir a umha livraria e topar-se quatro biografias sobre Dias Castro e nengumha já nom sobre Os Diplomáticos, que agora sim, senom tampouco sobre Os Resentidos ou Pucho Boedo ou mesmo Ana Kiro ou A Roda, só há cousas sobre folque, que está muito bem, especialmente quando trata bandas tam grandes como Berrogüetto, mas essa eiva sobre as nossas guitarras elétricas fede a regionalismo, a complexo.

Eu adoro Sonic Youth e Celso Emílio, e todo isso tem o seu merecido livro, mas justo o que daquela maneira comprimiu ambos os mundos e nos fijo felizes e orgulhosos a milhares de pessoas nom existia nas prateleiras. E tem que estar. Que haja que chegar a 2014 para que saia a primeira biografia sobre umha banda de rock em galego nom era nem meio normal. Que a figera eu é umha desgraça como outra qualquer. 

O texto tem umha chave muito pessoal, como pudemos ler na introduçom que publicou em exclusiva Sermos Galiza no número 94...

A introdución é persoal, en primeira persoa, porque eu fun daqueles para os que a aparición dos Diplos supuxo unha conmoción vital, un reencontro comigo mesmo, sendo un rapaz. Dáme certo pudor, pero iso tamén lles pasa aos da banda, para os que a súa historia apareza nun libro non deixa de ser unha especie de intromisión nas súas vidas, pero hai que perdelle o medo á primeira persoa, de feito o corpo central da biografía é oral, feito en base ás súas propias declaracións. Cría que ese plantexamento encaixaba ben no seu espírito, porque fala da emoción da vida, contada como se pode contar nunha tasca, non para auditorios que se limitan a escoitar. Unha das principais características dos Diplomáticos e do bravú é que non te limitaban a ser espectador, senón que demandaban participación, o que agora chamaríamos horizontalidade, que non é máis que xenerosidade, combate contra o elitismo. 

O libro títulase Non temos medo, unha frase que acuñou aquela mítica canción dos Diplomáticos e que ben podería ser un lema electoral agora que estamos en campaña. O bravú foi un movemento tamén político?

Político, pero non partidista. Posibelmente unha das mellores loubanzas que se pode dicir dos Diplomáticos é que representaban todo o que odiaba Paco Vázquez. Poño como exemplo a primeira canción do seu primeiro disco, fala dun tipo subido a un andamio, de como ve a vida desde aí. Poñer a un proletario como protagonista é política pura, por moito que ao falar de que xogue ao tute poida parecer que non. Sen quitarlle mérito a outras expresións, pero eu é posíbel que aprendese tanto ou máis sobre Galiza escoitando as súas cancións que na escola, igual que entendín mellor o rupturismo social que levaba dentro con Kortatu que con moitos pensadores sisudos, aos que cheguei e gocei grazas a esta escola primeira que atopei no rock. 

 

Indo ao cerne do libro, como coñeciches ti aos Diplomáticos?

Eu son da Coruña, eu lembro o Monte Alto dos 80, con toda a súa beleza e a súa dor, daqueles anos duros. Coñecinos por algo tan simple como que me sentín interpelado por eles porque eran coma min, con máis talento, por suposto. E logo estabelecer contacto persoal, e amizade, era natural. Porque nos barrios das cidades somos aldea, e acabamos coñecéndonos todos. Ogallá nunca deixe de ser así. 

Xurxo Souto sempre salienta o falso mito desa Coruña que non fala galego e que pouco ou nada ten a ver co resto do país. Como eran os barrios obreiros, como Monte Alto, cando nacen os Diplomáticos?

A Coruña carga con tantas falsidades que até dá preguiza rebatelas. Non é distinta a calquera outra cidade, só que aquí había e hai unha burguesía do máis noxento, que fabricou un mito elitista que necesitaba inimigos internos para marcar territorio. Pero A Coruña real está nos barrios, nas extensións feas pero vivas onde vivimos porque á xente deste país a moveron de sitio. Eu son da Coruña porque son de Fisterra, e podo baixar pola mañá a tomar café e ir ao súper no Castrillón e a única palabra en castelán coa que me atopo son as letras dos xornais. Pero vai máis alá da lingua, e non vou negar que aquí hai moito galegófobo, mais tamén están en Vigo ou na zona nova de Compostela ou nos cuarteis de Ferrol, pero A Coruña real, popular, é a de Arsenio Iglesias ou dos que cantan nas tascas; iso foron capaces de amosalo Os Diplos.

 

No programa de radio que tiña Xurxo Souto e grazas ao cal eu me dedico a este oficio, as mesmas xentes que logo de ler o xornal asumían a estafa e se preocupaban polos datos de Alvedro malia que non ían coller un avión na puta vida, volvían ao seu estado natural e bravo cando lle poñían sobre a mesa a Pucho Boedo, o seu ídolo real. E chamaban emocionadas a Radio Coruña logo de escoitalo, dicindo “puchiñoooo”, case chorando. Porque iso estaba negado, prohibido. E colleron estes que facían rock e devolvérono ao seu sitio. Iso é paixón pura, iso é Coruña. A outra, a do clixé, é unha fotocopia do barrio de Salamanca de Madrid, pasa nesta cidade e noutras. Pero comparar a Alaska con Pucho Boedo... pois iso. 

Ti és da autoestrada, eu da parcelaria cantaban en Esta noite hei dir aló. De feito, ben podería ser así. Ti de Monte Alto e eu da Ribeira de Piquín. As cancións dos Diplomáticos reivindicaban o orgullo desa Galiza urbana mais tamén rural?

É que son a mesma. Que fosen os bravús cunha expresión digamos moderna, chamada rock, como antes comezaron Os Resentidos e outros, a crear cultura contemporánea en base ao que somos, é unha revolución. Eu adoraba a bandas que aínda sigo, pero non falaban de min, os veráns na aldea estaban vetados na cultura moderna. O rock era como cousa que só podía falar de nenas e motos, babosadas, de vivir en California ou Berlín e Os Diplomáticos colleron e déronlle a volta, e usaron o rock para falar dunha sala de festas de Montouto ou dun mariñeiro de Malpica. De nós. Poucas palabras no mundo significan tanto como punk. Unha das poucas é bravura, que no fondo é como se di punk en galego. 

 

Teño que dicir que para quen eramos da aldea, o bravú representou a primeira vez que alguén cantaba ao agro en troca de ridiculizalo.... Era hora, nos 90, de rachar cos estereotipos?

Os Resentidos xa fixeran cousas nesa liña, a ver, aínda que non podo negar a miña paixón polos Diplomáticos, porque son parte básica da miña vida, tampouco quero convertelos en mesías. Pero si, había e aínda hai, unha forma básica de crear autoodio que era sinalar as aldeas, os lugares de onde vimos, como o pasado, como algo a superar. Esa tendencia tamén apuntaba á lingua, a matar. Por iso foi tan importante o bravú, porque reivindicou raíces pero non desde o museo, senón como algo que podías poñer a carón de Lou Reed. 

Que foi de todo aquilo, agora que pasaron dúas décadas e que ficou na cultura galega?

O bravú talvez estea tan interiorizado que non somos conscientes de que forma parte do noso mundo, o que pasa é que o noso mundo está agredido e en crise total. Cando no fútbol ves a alguén cunha bandeira galega coa silueta dunha vaca, iso é bravú. Pero necesita ser alimentado, non por nostalxia que é moi lícita, senón por necesidade. As culturas solemnes, oficiais, ese erro tan de aquí de pensar que cultura só é certa literatura, limita. Se algunha vez a cultura galega achegouse a algo parecido á hexemonía, foi co bravú, malia que haxa quen o rexeite con todo o seu dereito e deixando claro que tivo moitas eivas. Pero eu, que máis ou menos me movo nun mundo sen mundillos, lonxe de auto-elites, vexo que persoas que polas terribles lóxicas dominantes non teñen contacto co que se considera cultura galega, si se emocionan cando escoitan 'Gaiteiro”, igual que entenden perfectamente os debuxos de Castelao. Se aspiramos a ser diferentes, orgullosos, temos que darlle á xente contidos accesíbeis, o que non significa merdentos, significa felices, hai que fuxir da cultura que teme o pracer, pasalo ben é marabilloso. E funciona. 

 

 

 

 

 

 


Diário Liberdade é um projeto sem fins lucrativos, mas cuja atividade gera uns gastos fixos importantes em hosting, domínios, manutençom e programaçom. Com a tua ajuda, poderemos manter o projeto livre e fazê-lo crescer em conteúdos e funcionalidades.

Microdoaçom de 3 euro:

Doaçom de valor livre:

Última hora

Quem somos | Info legal | Publicidade | Copyleft © 2010 Diário Liberdade.

Contacto: info [arroba] diarioliberdade.org | Telf: (+34) 717714759

Desenhado por Eledian Technology

Aviso

Bem-vind@ ao Diário Liberdade!

Para poder votar os comentários, é necessário ter registro próprio no Diário Liberdade ou logar-se.

Clique em uma das opções abaixo.