O encontro decorrerá na quinta-feira a partir das 20 horas com a participaçom da ativista feminista Ximena Gonçales.
A seguir reproduzimos o sentido da convocatória segundo a organizaçom:
"Dentro das múltiples batallas que temos abertas como mozas revolucionarias e feministas está a de reivindicar que a violencia contra as mulleres non é só física e que precisamente o patriarcado estruturou socialmente a violencia contra as mozas mediante un proceso de invisibilización das súas agresións, facendo que se naturalizasen até o punto de que o día a día no que vivimos, traballamos, estudamos, nos relacionamos e combatemos non convida a cuestionalas, facéndoas aínda máis perigosas ao non ser identificadas e, moito menos, cuestionadas para ser mudadas.
O feminismo ensínanos permanentemente a necesidade de aprender unhas das outras, de escoitar para analizar, cuestionar e transformar aquilo que nos somete. Por iso, desde Isca! organizamos este acto coa pretensión de mellorar o noso coñecemento sobre os diferentes comportamentos machistas do día a día. Cremos que as mozas, lonxe dos aparentes avances nas xeracións máis novas, sufrimos constantemente este tipo de agresións no noso cotián e é preciso sermos conscientes de que as padecemos para identificalas e así combatelas e traballar para eliminalas, desde o individual e o colectivo, sumando esforzos na batalla de erradicar progresivamente todas as manifestacións da violencia de xénero e do sistema patriarcal"