1 1 1 1 1 1 1 1 1 1 (0 Votos)

ahistoriadamenstruacionGaliza - Cineclube Compostela - A programación do Cineclube de Compostela regresa este mércores 8 de abril coa proxección do filme de Su Friedrich Ás agachadas(Hide and Seek, Su Friedrich, EUA, 1996), un documental experimental sobre a descuberta adolescente da identidade lesbiana. Xunto con este filme poderemos ver tamén A historia da menstruación(The story of menstruation, EUA, 1946), unha curtametraxe de animación producida por Walt Disney para os institutos, que servirá de exemplo da imposición da identidade sexual a través das escolas e o cinema. A sesión terá lugar, como é habitual, no CS O Pichel (Santa Clara, 21) a partir das 21.30 horas.


Ás agachadas entrelaza tres ordes de representación: a historia de Lou, unha rapariga de doce anos que loita coa súa sexualidade a mediados dos 60; entrevistas dos anos noventa con lésbicas adultas, que tratan especialmente os recordos da súa infancia; e, por último, metraxe atopada e fotografías que evocan a educación sexual nos Estados Unidos dos sesenta.

A través desta técnica, e no que probabelmente sexa o seu filme máis “ficcionado”, Su Friedrich constrúe toda unha  reflexión sobre a representación das lésbicas, a imposición das identidades sexuais e a influencia dos medios na educación infantil, cunha dobre perspectiva: ao tempo que transmiten contidos e figuras limitados á ideoloxía dominante, posibilitan tamén as fantasías, expandéndoas en todas direccións.

Xunto a este filme e como exemplo da educación a través dos medios proxectaemos tamén A historia da menstruación, unha curtametraxe animada da Disney, que forma parte dunha serie de filmes producidos para as escolas e institutos americanos entre 1945 e1951.

Exemplo de propaganda comercial ao tempo que de imposición de ideoloxía, o filme foi distribuído pola empresa Kimberly-Clark, e acompañábase de folletos da marca Kotex que desaconsellaban o uso de tampóns, cunha produción daquela case monopolizada por Tampax.

Nacida en New Haven en 1954, Su Friedrich estudou na Universidade de Chicago e no Oberlin College, onde se licenciou en Arte e Historia da Arte. Realizou o seu primeiro filme, Auga quente, en 1978, e desde aquela produciu e dirixiu dezaoito títulos, tanto en 16mm como en video, entre os que se atopan Gently Down the Stream (1981), The Ties That Bind (1984), Damned If You Don't (1987), First Comes Love (1991), Rules of the Road (1993), The Odds of Recovery (2002), The Head of a Pin (2004), Seeing Red (2005) e From the Ground Up (2007). Actualmente vive e traballa en Nova York e dá aulas de cinema e produción de vídeo na Universidade de Princeton.

Os seus filmes combinan elementos narrativos, documentais e do cinema experimental, e están enfocados principalmente sobre os temas da muller, a familia e a homosexualidade nos EUA contemporáneos. Desde os comezos da súa carreira ten sido unha figura esencial do cinema de vangarda, radicalizandose o seu traballo en forma e contido, e movéndose entre o persoal e o político, realizando desde filmes autobiográficos até fitas de investigación sobre as nocións sociais da identidade sexual.

A cuarta feira que vén, 15 de abril, o Cineclube acollerá unha nova sesión tamén marcada polas lembrazas de infancia. Será coa proxección de US Go Home (US Go Home, Francia, 1994), un filme realizado por Claire Denis para a seri Tous les garçons et les filles de leur âge da canle de televisión Arte. Nel, cóntase a historia de Martine, unha rapaza que vive nun suburbio parisino, preto dunha base militar americana, e con 14 anos só pensa nunha cosa: perder a virxinidade.

Os filmes van ser proxectados na súa versión orixinal con subtítulos en galego. A entrada é de balde, e pódese adquirir un bono axuda para colaborar co Cineclube. O Cineclube tenta ser unha asociación autoxestionada, polo que para manter o noso funcionamento, propoñemos unha achega económica persoal, cunha cota mensual de 5 euros para traballadoras e de 3 para estudantes e paradas.

ABRIL 2015

Mércores 8 de abril ás 21:30 no Pichel
A historia da menstruación
(The story of menstruation, Walt Disney, EUA, 1946, 10′, VOSG)
Ás agachadas
(Hide and Seek, Su Friedrich, EUA, 1996, 63’, VOSG)

Mércores 15 de abril ás 21:30 no Pichel
US Go Home
(US Go Home, Claire Denis, Francia, 1994, 58’, VOSG)

Mércores 22 de abril ás 21:30 no Pichel
Durme, durme, meu amor
(Duerme, duerme, mi amor, Francisco Regueiro, España, 1975, 90′, VO)
Presentación do libro Me enveneno de cine: Amor y destrucción en la obra de Francisco Regueiro  con José Luis Castro de Paz

Mércores 29 de abril ás 21:30 no Pichel
O home de vime
(The Wicker Man, Robin Hardy, EUA, 1973, 88′, VOSG)


Diário Liberdade é um projeto sem fins lucrativos, mas cuja atividade gera uns gastos fixos importantes em hosting, domínios, manutençom e programaçom. Com a tua ajuda, poderemos manter o projeto livre e fazê-lo crescer em conteúdos e funcionalidades.

Microdoaçom de 3 euro:

Doaçom de valor livre:

Última hora

Quem somos | Info legal | Publicidade | Copyleft © 2010 Diário Liberdade.

Contacto: info [arroba] diarioliberdade.org | Telf: (+34) 717714759

Desenhado por Eledian Technology

Aviso

Bem-vind@ ao Diário Liberdade!

Para poder votar os comentários, é necessário ter registro próprio no Diário Liberdade ou logar-se.

Clique em uma das opções abaixo.