1 1 1 1 1 1 1 1 1 1 (0 Votos)

161214 matriarcasGaliza - Ideas - [Helena Miguélez Carballeira] Entre as importantes fazañas da segunda vaga do feminismo occidental encóntrase, sen dúbida, a de traer a experiencia da maternidade e os discursos que viran en torno a ela ao campo da crítica e da acción política.


 

 

Que o sometemento social e económico das mulleres é un proceso que comeza na propia distribución desigual dos roles e responsabilidades derivadas da reprodución xa aparecía esporadicamente como premisa nas filosofías económicas do século XIX (Mill, Engels). Mais foron as teóricas da segunda vaga feminista as que, para o marco occidental, levaron a cabo unha crítica política profunda, e en primeira persoa, dos estereotipos asociados ao que Adrienne Rich chamou a institución patriarcal da maternidade. Entre estes, a imaxe da nai como a suma pura e mitificada dos valores da abnegación, o instinto e o sentimento comezou a ser criticada como unha das canles máis perfeccionadas para a suxeición patriarcal da muller, pois desta idea se derivaba, case sen esforzo, un vencello natural entre a muller e o doméstico. 

No Estado español, o feminismo organizado vén de librar unha batalla máis na guerra pola resignificación da maternidade. A loita polos dereitos reprodutivos das mulleres é tamén a loita polo dereito ao acceso libre e consciente a unha experiencia da maternidade diversificada: a loita por non chegar a ela, quen elixa esta opción vital, pola vía do discurso romántico patriarcal, da ignorancia ou da idealización; a loita por, sendo xa nais, non ficar semantizadas de xeito estático -e fortemente regulado- como suxeitos cuxo contorno de acción remata na porta da casa. Librar esta batalla contra os usos capitalistas, nacionalistas e patriarcais do modelo da maternidade como sacrificio inherente ao feminino -de longa tradición no Estado español, como teñen estudado as historiadoras Ana Aguado e Inmaculada Blasco- precisou durante o 2014 de toda a forza e capacidade de mobilización dos feminismos estatais. É por iso que se fai precisa unha matización feminista urxente de produtos culturais como a canción “Matriarcas” de Guadi Galego, pois non sempre os discursos que limitan o empoderamento da muller galega chegan da man de señores en Madrid.

 

A nova canción de Guadi Galego, “Matriarcas”, está sendo recibida estas semanas como unha homenaxe á muller galega “real”. Entre as mensaxes do tema musical e mais do videoclip que o acompaña está a celebración das mulleres en tanto que nais, do seu papel de alimentadoras e coidadoras de crianzas. Dita celebración fica enmarcada no contexto galego a través das reminiscencias inseridas na canción ao mito das orixes celtas da Galiza. Alén da divulgación xeral da nova nos medios do país, “Matriarcas” está a ser benvida tamén como unha reivindicación en clave feminista da figura da nai galega, lectura que gostaría de cuestionar brevemente aquí, para dar continuidade a un debate que considero primordial en calquera proposta emancipadora para contextos de conflito anti-colonial: o debate crítico sobre os moitos puntos escuros que ten amosado o tradicional pacto entre os discursos de xénero e os da nación.

Entendo que a letra da canción, que critica a historia como un relato centrado nas figuras e nos feitos de homes, faise eco en parte de ideas tiradas do revisionismo feminista. Porén, a alternativa figurada na canción para as mulleres acceder á visibilidade histórica que merecen non semella distanciarse en ningún punto do modelo de muller xa deseñado polo capitalismo e nacionalismo patriarcais: aquel que permite certo recoñecemento xestual -mais non material- do valor social da muller, en tanto que nai sacrificada e atenta, depositadora dunha virtude atemporal e sacralizada, que ten o poder de dar continuidade, cando non de rexenerar, á nación. A retórica trascendente que acompaña este tipo de discursos aparece decote temperada por referencias ao verdadeiro marco de acción que se lle presupón a este modelo de maternidade: o fogar. Na canción de Guadi Galego, as referencias ao cotián e aos seus moitos requerimentos -“nós, cousa por cousa, sen podernos despistar”- semella celebrar a imaxe da nai por natureza solícita e esmerada, á cal non lle están permitidos o erro ou un intre de desatención. Malia a canción inserir palabras tiradas do vocabulario da loita política (“barricadas”, “activismo”, “resistencia”), o ambiente para se desenvolver como “matriarcas” fica xunguido ao do traballo doméstico e dos coidados. As responsabilidades das mulleres nestes eidos móstranse aparentemente auto-asumidas no modelo de maternidade galega conmemorado na canción, un modelo que acaba ofrecendo, con predisposición e de balde, a solución á cuadratura do círculo do patriarcado. 

No chamado “país dun tal Breogán”, o sometemento da muller ten as raíces profundamente chantadas no doméstico. Nas loitas deste ano contra o anteproxecto dunha nova lei do aborto violentísima para as mulleres, deu xenio constatar a consolidación dos feminismos combativos e transgresores do país, que chamaban a atención cara aquelas imaxes da maternidade promovidas para encurralar as mulleres no marco do pre-político, alí onde a casa e a reprodución son os espazos naturais para a realización feminina. A loita por zafármonos destas imaxes para sempre é unha costa longa e empinada. Que non nos demoren as adulacións.

 


Diário Liberdade é um projeto sem fins lucrativos, mas cuja atividade gera uns gastos fixos importantes em hosting, domínios, manutençom e programaçom. Com a tua ajuda, poderemos manter o projeto livre e fazê-lo crescer em conteúdos e funcionalidades.

Microdoaçom de 3 euro:

Doaçom de valor livre:

Última hora

Quem somos | Info legal | Publicidade | Copyleft © 2010 Diário Liberdade.

Contacto: info [arroba] diarioliberdade.org | Telf: (+34) 717714759

Desenhado por Eledian Technology

Aviso

Bem-vind@ ao Diário Liberdade!

Para poder votar os comentários, é necessário ter registro próprio no Diário Liberdade ou logar-se.

Clique em uma das opções abaixo.